A xestión das parroquias de alta actividade


Éun feito coñecido, a partir da análise das estatísticas dos lumes en Galicia, que os incendios na nosa comunidade non son algo aleatorio nin uniformemente repartido no territorio, senón que seguen unha secuencia moi clara no tempo e no espazo.

As investigacións coinciden, de forma reiterada, en que non se detectan indicios de organizacións con fins incendiarios que actúen en territorios amplos, senón que, polo contrario, existen zonas concretas de Galicia que reiteradamente sofren esta incidencia dos incendios, e todo apunta a que os responsables son persoas próximas a elas.

Analizando todos estes criterios técnicos identificáronse un total de 79 parroquias nas que ou ben a alta actividade incendiaria non ten ningunha xustificación ou nas que os incendios son dunha gravidade especial.

Son espazos nos que sistematicamente e de forma reiterada rexístrase unha alta actividade incendiaria que é das maiores de Galicia e probablemente das maiores do mundo. Non se trata de algo casual ou imputable a accidentes ou malas prácticas.

Nestas zonas é evidente que compre actuar. Así, vaise multiplicar a acción policial, tanto en intensidade de medios como no que atinxe ás liñas de investigación das causas.

Por outro lado, vaise facer unha completa radiografía do conxunto de actividades que se desenvolven no medio forestal nese espazo. Avaliaranse as actividades extractivas-mineiras e de aproveitamento de recursos renovables (madeira, pastos, caza) e en xeral todo tipo de actuacións que necesiten control da vexetación que o uso delictivo do lume poida abaratar. Analizaranse tamén a totalidade das axudas públicas relacionadas con estas actuacións e aproveitamentos que se tramiten neses territorios.

É posible que nalgunha destas parroquias haxa que realizar accións ou investimentos estruturais para ordenación de usos no monte, pero que ninguén pense que vai haber unha especie de «premio» económico en forma de investimentos públicos polo feito de estar neste ránking tan negativo.

Por Tomás Fdez. Secretario xeral de Montes

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A xestión das parroquias de alta actividade