«En Galicia hai 27.300 persoas que apoian a nosa misión social»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

XOÁN A. SOLER

Anestesia, as cirurxías e pediatría son as especialidades que máis precisan

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Como «unha organización humanitaria independente que intervén en situacións de emerxencia desde 1971» define María Díaz, a súa delegada en Santiago, a Médicos Sen Fronteiras. Na última iniciativa que presentaron na cidade, Ser humano salva vidas, conseguiron os obxectivos, afirma. Hoxe hai no Auditorio de Galicia un concerto solidario cos fins desta entidade.

-¿Como son os médicos que traballan nesta organización?

-Entre o noso persoal que sae para traballar hai médicos, e tamén persoal de enfermaría, psicólogos e a maiores administradores ou loxistas. Os loxistas teñen a encomenda de que todos os recursos se usen, facilitar a comunicación, ou que funcione a cadea de frío para as vacinas, poñamos por caso. Para que o persoal sanitario poda traballar, hai detrás unha forte organización.

-¿Como son os profesionais, novos ou veteranos?

-Hai de todo. En ocasións chaman profesionais próximos a se xubilaren, ou recén xubilados, que se ofrecen, e a súa experiencia é moi importante, porque nas nosas misións van deparar con situacións complicadas.

-¿Que esixen para admitir unha persoa como colaboradora?

-Os médicos e persoal sanitario, que teñan finalizada a carreira e uns anos de experiencia; coñecemento de idiomas; e un compromiso temporal: non se pode saír un mes de vacacións traballar, o mínimo son 6 meses.

-¿Que especialidades lles interesan máis?

-Interesan todas; sobre todo anestesia e as cirurxías, e nestes casos admitimos profesionais que colaboren por períodos dun mes. Tamén se precisan moito pediatras.

-¿Como escollen eses profesionais un destino?

-Non escollen: van onde sexan necesarios, aínda que se ten en conta o perfil e a experiencia de cada persoa.

-¿De cantos profesionais dispoñen na comunidade galega?

-Aquí temos unhas 12 persoas que son bastante constantes en saír. Agora acaba de regresar persoal de enfermaría de Sudán do Sur, ou de Siria, e unha médica da República Centroafricana; e temos un xefe de misión en Sudán. Hai perfís variados en situacións diferentes, que son colaboradores fieis da organización.

-¿E con que base social contan?

-En Galicia hai 27.300 persoas que apoian a nosa misión social. Están asociadas 17.200, que nos dan apoio regularmente. E a maiores algo máis de 10.000 doadoras, que colaboran máis esporadicamente. Contamos cunha unha base social moi sólida, que ve necesario o noso traballo e que nos axudan, porque confían no noso labor.

-¿Notan a crise?

-Si que nos afecta, recibimos menos doazóns puntuais.

MARÍA DÍAZ DELEGADA DE MÉDICOS SEN FRONTEIRAS

«Temos unha base social moi sólida, que ve necesario o noso traballo e que nos axudan»

«A media de idade dos profesionais que colaboran con nós en Galicia é de uns 40 anos»