«A banda sonora da miña revolución son Os Diplomáticos»

dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

FIRMAS

EDUARDO PEREZ

Destaca a influencia do bravú noutro tipo de movementos

29 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Rodri Suárez (A Coruña, 1974) é xornalista, seareiro do movemento bravú e acaba de converterse con Non temos medo. Historia oral de Os Diplomáticos de Monte Alto no autor da primeira biografía dun grupo en galego. Faino seguindo a estela da biblia punk Por favor, mátame, baseando a obra nunha chea de entrevistas a persoeiros involucrados nun movemento que este ano sopra as 20 velas. Onte o libro foi presentado ante a tropa da tralla na Mardi Gras, onde o grupo estreou no seu barrio o seu novo tema e videoclip.

?É un libro pioneiro.

?Fíxose e para min está ben, pero é un fracaso que houbese que agardar ata o 2014 para que se publique a primeira biografía dun grupo de rock en galego, xa non deles, pero non se fixo nada de xente como Os Resentidos ou Heredeiros da Crus. Aquí séguese relacionando demasiado á cultura coa literatura. Que Díaz Castro teña catro biografías e que Os Diplomáticos ou Os Resentidos, que tiveron un impacto social brutal, non tivesen ningunha é unha anomalía.

?¿Por que facelo a base de testemuñas?

?Ten o fetichismo do libro Por favor, mátame. Un libro sobre rock ten que ter ritmo, por iso tamén intercalei fragmentos de obras que teñen que ver con eles e letras das cancións, que no fondo as cantas, non as les. Da a imaxe, con modestia e salvando as distancias, de programa de radio, onde naceu o grupo. No libro pretendo que non se conte só a biografía de Os Diplomáticos senón que sirva como columna vertebral do rock galego dos últimos 30 anos.

?¿Realmente Os Diplos son os pais do movemento bravú?

?É indubidable, pero nunca foron de mesías. Case a única referencia do rock anterior a eles é Radio Océano e o movemento atlantista. Había pouco, pero recólleno e reivindícano. Foron os que elevaron todo isto a unha dimensión distinta. Os Diplomáticos non foi só unha banda de rock, é un movemento e tivo nunha influencia na literatura de escritores como Manuel Rivas ou Jaureguizar, en programas como Mareas Vivas ou o Xabarín, ata certos fenómenos políticos dos noventa son imposibles sen eles. A revolución creativa de Burla Negra con Nunca Máis bebía do atlantismo e do bravú, eles falaban do chapapote moitos anos antes porque sacaban a cabeza pola fiestra da casa e xa tiñan o chapapote aí.

?¿Que queda de aquilo?

?Témolo moi interiorizado, pero o bravú segue en moitas cousas, en deseños como os de Rei Zentolo ou o de Nicetrip cando saca a famosa camiseta da bandeira coa vaca. Hai grupos de de agora que seguen a estela de mesturar temática urbana con rural ou mariñeira. Presente está, pero esa hexemonía que chegou a rozar nun momento e que foi a vez na que a cultura galega estivo máis preto dunha hexemonía cultural, agora non a hai.

?¿Ve posibilidade de reproducir ese fenómeno?

?Levamos cinco anos con isto da crise e agardando o regreso do punk, pero non da retornado. Sei que se volve o punk, o punk en galego dise bravú. Paréceme ben que agora Vetusta Morla ou Amaral fagan cancións políticas e indignadas, pero na revolución que eu creo a banda sonora serán Os Diplomáticos de Monte Alto.