Cando o Concello se puxo en contacto coa miña ANPA, a do CEIP Álvarez Limeses, hai xa case 4 anos, para falarnos dunha iniciativa chamada Camiño Escolar Seguro, veu á miña memoria unha viaxe que fixera a Barcelona a primeiros dos noventa. Nun museo chamado Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona xa se recollían numerosas experiencias na recuperación para os peóns dos centros urbanos das cidades europeas. Ademais da cuestión urbanística, chamaba a atención como era necesario superar a resistencia dos cidadáns ao cambio, e como unha vez instalada esa cultura, os beneficios espallábanse por todos os ámbitos da vida da cidade e dos seus habitantes.
O Camiño Escolar Seguro significa unha forma de construír unha mellor cidade habitada por mellores cidadáns. Primeiro, outorgándolles autonomía aos rapaces para que se desenvolvan na cidade, para que aprendan a orientarse e a gobernarse nas rúas por eles mesmos. Segundo, poñendo a semente dunha cultura de respecto aos peóns. Terceiro, enxendrando novos vínculos coas comunidades veciñais, ao implicalas na vixilancia e axuda aos rapaces. E finalmente, empuxando aos pais a confiar na capacidade dos rapaces para autoxestionarse e para comportarse con responsabilidade.
Dende o primeiro momento que se lles explicou aos pais a iniciativa para que a valorasen, a acollida foi extraordinaria, e adoptouse cun apoio case unánime. Do mesmo xeito, o Concello tivo a sensibilidade de escoitar as nosas suxestións, ás veces críticas, e atendelas procurando puntos de encontro. E, así mesmo, de chegar no proxecto onde o voluntariado non puido chegar. O resultado é que hoxe a iniciativa que nós asumimos experimentalmente atópase plenamente consolidada e espállase polo resto da cidade, de xeito que entre todos estamos a construír unha mellor Pontevedra.