«Ter unha persoa para abrir a diario require un presuposto que non teño»

m. c. o barco / la voz< / span>

FIRMAS

18 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Foi en setembro de 2011 cando Florencio de Arboiro abría a súa casa natal reconvertida na Casa das Rodas de Afiar. Fuxe do nome de museo, «porque poñerlle museo para telo pechado, non me parecía axeitado». Porque a Casa das Rodas, en Arboiro (no concello de San Xoán de Río) está pechada.

-Abrir non abre ningún día, aínda que se me piden ir velo eu non teño problema en ensinalo. Na web teño información, e a xente contacta, en grupo para vir velo. Pero chegar alí e estar eu, non, porque pode ser que non estea; porque eu vou moito, pero vivir vivo en Ourense. Cando eu estou por Arboiro ábroo, pero non podo estar sempre.

-¿Nunca pensou en ter a alguén que se encargase das visitas?

-Iso require un presuposto, que non teño. Pero a ver se un día se puidera abrir, pero é que ata no pobo hai pouca xente como para ter a alguén que o faga.

-¿Levou a idea a algunha administración?

-Non, porque tamén pasan dun. E eu tamén, porque tes que poñer a bandeira do partido, e eu paso.

-Entón rexeita o de chamalo museo...

-Eu xa sei que hai moitos museos así, que están pechados, pero eu non creo que sexa así. Eu entendo un museo como un sitio no que che dan información, e teñen as cousas catalogadas.

-¿Vostede non ten catalogadas as rodas de afiar?

-As rodas si, pero recollo outras cousas tamén, relacionadas coas rodas, pero outras cousas. Teño sobre 200 rodas, iso é moito material.

-¿Gustaríalle que houbese un museo?

-¡Claro! Pero non fomos quen de facer nada en Ourense, por iso acabei facendo a Casa das Rodas, para poder ter todo ese material gardado. Xa me gustaría que houbera un museo do afiador en Ourense como o hai da cuchillería en Albacete ou da minaría en Asturias. Porque moito dicir que Ourense é a terra da chispa, pero despois aquí ¡non hai paixón!

-¿E afiadores?

-Tampouco. Cada vez hai menos, porque cada vez hai menos xente nos pobos, que é a onde se ía traballar, así que tampouco hai afiadores.