«A laboura dun intelectual é sementar inquietude, non dicir que facer»

m. R. ourense / la voz

FIRMAS

18 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Oantropólogo Manuel Mandianes Castro (Loureses, 1942) recibiu o premio Xan de Barros da romaría Raigame pola súa longa traxectoria profesional adicada á cultura galega, recollida en varios libros. Foi investigador do CSIC e director do Instituto de Estudios Sociales Avanzados de Barcelona e colaborou co popular programa Luar. Para recoller o premio en Vilanova, desistiu de dar unha conferencia en Sofía (Bulgaria) sobre mitoloxía galega. Falando dun mito relixioso tan imbricado na historia de Vilanova dos Infantes, a Virxe do Cristal, Mandianes comezou as súas palabras na Torre da Homenaxe dicindo que «a do Cristal non é unha virxe famosa porque a cantara Curros, senón que el fíxose popular por cantar unha lenda antiga. Tamén Rosalía cantou como cantaba o pobo galego. De aí vén a popularidade dos escritores».

-O alcalde de Celanova pediulle que faga un estudo antropolóxico e teolóxico sobre a Virxe do Cristal. ¿Asumirá o reto?

-É importante que a un lle dean proxectos e o da Virxe do Cristal sería estupendo, pero estou metido en tantos que falarei co señor alcalde que o farei na medida do posible, sen prometer prazos nin nada.

-¿Que valor teñen festas como esta de Raigame para que a xente se de conta da importancia de ter en conta a cultura pasada?

-Son importantes sempre que se utilice ben. Unha cousa que nace para un fin pódese desvirtuar e moitas veces chegan a servir a obxectivos totalmente distintos daqueles para os que naceron. É a miña primeira vez nesta romaría e aínda non podo opinar. Eu estudei o que sabe o pobo. O que se ve aquí, o cesteiro, as corozas, como mazaban, son expresións do saber facer.

-¿Aínda quedan cousas por descubrir no eido da etnografía?

-Non tanto por descubrir, senón por darlles unha interpretación que lle diga algo á xente de hoxe. Pasa ca política, teoloxía e con todo. ¿Por que seguimos estudando os clásicos? Hai que facer unha lectura actual para que a xuventude lle diga algo. Se deixa de interesarse pola nosa cultura, política, etc. é porque non se lles presenta de xeito interesante. O desenrolo da vida lévanos a superar etapas pasadas. Non lle podemos dicir a un labrego que traballe co arado. Os antropólogos temos que ter lido a Risco, pero non facer o mesmo que el fixo. Hai que responder ás necesidades de hoxe.

-Estudou etnografía en París e en Estrasburgo...

-Levei unhas chancas ferradas á Sorbona e a Estrasburgo e facían moito ruído ao andar. A xente mirábame e eu paraba e mirábaos a eles. Sementei a inquietude. A laboura dun intelectual non é a de dicirlle á xente o que ten que facer senón sementar a inquietude para que sigan estudando. E non se trata de estudar nunha universidade, é preocuparse polo que se ve. Nun artigo que se publicará proximamente pregúntome por que leo. Non hai nada parecido ao que se ve na rúa. Cando vou a unha cidade, antes que aos museos, vou as rúas. A linguaxe xestual é común.

letras galegas