Aires de familia na Escola Fogar


OURENSE / LA VOZ

Cunha multicopista de manivela viron a luz os primeiros números da revista Escola Lar, pioneira dos xornais escolares ourensáns e todo un motor de sentimentos na memoria de Xosé Manuel Rodríguez Moxom. O escultor que arrinca a alma da madeira con ondas sinuosas e cores vitais iniciou nesas páxinas a súa vida como debuxante, ilustrando as historias que escribían os seus compañeiros na mítica Escola Fogar de Mariñamansa.

A aquel «hotel de luxo» que ocupou durante dous anos volve Moxom en compañía do seu director, Luís Suárez Dobarrio (Verín, 1934). O regreso está cargado de emocións, como todos, e tamén de decepcións. Os edificios que entre 1977 e os inicios do século XXI chegaron a acoller preto de 300 rapaces de entre 6 a 14 anos permanecen agora abandonados, pechados a cal e canto e devorados por silveiras insaciables.

Luís Suárez, fillo de tipógrafo e namorado do arrecendo a imprenta, percorre o xardín da vella Escola Fogar, onde hoxe funciona aínda o colexio público de Mariñamansa. Faino con verdadeiro interese, lembrando as árbores que alí plantou cos seus alumnos-residentes e buscando con certa impaciencia algunhas desaparecidas: un teixo, un sabugueiro... Cada unha garda unha historia.

«Eu lembro traballar neste xardín con Luís. Del véñenseme, sen pensalo, dúas imaxes -enfatiza Moxom-: o galego e a ecoloxía. Encantáballe o medio ambiente e non se apeaba do galego e iso que estamos falando dos anos 77 e 78! Para min era chocante ver que falaba galego para todo porque daquela ós nenos falábaselles en castelán».

O mestre Suárez, que tivo o seu primeiro destino en Flariz, aprehendeu o galego no berce familiar: «A min a defensa da cultura galega vénme dende neno. A miña nai meteume un libro de poesías na man e, sobre todo, lin moito a Curros Enríquez. Os meus pais querían que soubese castelán, dende logo, pero xa vían que eu o falaba naturalmente pola escola e pola igrexa, e tamén quixeron que falase galego».

Moxom mamouno na casa familiar de Nogueira de Montederramo, onde naceu en 1964. O plan de supresión das pequenas escolas rurais levouno á Escola Fogar de Mariñamansa: «Cheguei aquí con 13 anos para facer 8º no colexio anexo. En 7º examinárame en Castro Caldelas e tivera unha das mellores notas, pero despois esixiron francés e a mestra non tiña nin idea así que cando cheguei aquí patinei nas linguas e repetín 8º. Eu viña dunha aldea e todo me chamaba a atención, todo me era novidade, e aquí, tanto Luís coma os profesores do internado eran moi cercanos; eramos como unha familia».

Luis Suárez, o director, lembra con afecto a aqueles nenos de aldea, coma o pequeno Balbino de Neira Vilas: «Vivir aquí valeulles moito porque nas súas aldeas apenas había nenos e aquí relacionábanse con moitos. Eran nenos sanos; a Moxom lémbroo no comedor e no dormitorio coma un mozote tranquilo e obediente; non era destes rapaces ós que había que mandalos estudar continuamente. El xogaba cando tiña que xogar e non era conflitivo. Da aldea os rapaces viñan máis sosegados que os da cidade».

Ollando atrás, a Moxom non lle custa verse outra vez xogando: ás bólas sobre a explanada de terra, que aínda permanece; ó fútbol, ó frontón e á chave que Luis Suárez instalou. E láiase de que aquel apoio familiar que recibiu na Escola Fogar non durase uns anos máis: «Faltoume alguén que me encauzara para seguir estudando; sempre me tiraron as artes e ata pode que fose un bo mestre».

xosé manuel moxom e luís suárez

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Aires de familia na Escola Fogar