Lápidas murmuradoras


Debaixo dos meus pasos/ xurde o ronsel d´a Vila natal./ Ela c´os brazos cheos de sono/ teima salvarme d´un naufraxio antigo.

Dende hai séculos os cemiterios de Galicia son un referente, unha grande enciclopedia para os moitos errantes en diferentes ámbitos; estas vilas do silencio e profunda reflexión son unha fontela histórica, fecunda e inesgotable.

Contraste de sensacións, poemas do alén e o aquén, palabras de acá e acolá, verbas de aquelar sen aldraxar, culto e veneración, repouso pracenteiro baixo dosel de confusión nun universo con fecunda información.

Un exercicio épico, mais aconsellable, é percorrer a labiríntica e caprichosa xeografía de Galicia brincando de cemiterio en cemiterio. Alí, nese mundo multitudinario, o áxil e intuitivo viaxeiro debe percibir con claridade as murmuracións dos moradores, voces agarimosas que acercan á excelsa natura, ás historias de diversidade, a unha riqueza toponímica abraiante e a unha lingua que xamais traizoou os galegos.

Xélidas e lapidarias razóns deben impulsar dende a ultratumba histórica un contraste tan ímprobo e improcedente, un bulicio de fidelidade e compromiso baixo as inmutables lápidas coa súa fala de sempre, esa fala que foi leal acompañante dunha gran maioría dende o barrelo ata o cadaleito. Porén, a pétrea memoria escrita destas persoas é oposta á súa fala de sempre.

Esas lousas que transmiten non son fieis co código dos seus, as lápidas de Galicia veneran o estraño mentres enterran o propio. Paradoxal, mais a realidade dos camposantos galegos non acada un insignificante dez por cento da súa escrita nas veneradas campas.

A esperanza esvaeceuse no anonimato, no pasado enterrado, no presente aldraxado e mergullado nun futuro de climatoloxía adversa. Malia todo, ese sete por cento que non renuncia ao seu é un exemplo de admiración, culto e veneración nestes lugares de escasa luminaria baixo a penumbra da noitebra.

A choiva entrou na noite/ fechou por dentro a porta/ e púxose a escribir o seu poema.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Lápidas murmuradoras