«Hai relevo xeracional na música tradicional, o que falta é apoio»

P.?C. santiago / la voz< / span>

FIRMAS

Álvaro Ballesteros

O grupo sacou o seu primeiro disco, «Ao vivo en Lorient»

10 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os d'Abaixo apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Santiago de Compostela. Tras catro anos de andaina por locais da cidade, festas e festivais en Galicia e no estranxeiro, sacan o seu primeiro disco, Ao vivo en Lorient. Roberto Rama, membro do grupo, explica como xorde o proxecto e cara onde camiñan.

-¿Que ofrecen neste primeiro traballo?

-Ao vivo en Lorient, como o nome indica, foi gravado durante a nosa actuación no Festival Intercéltico de Lorient, no verán do 2013. Acudimos acompañando ao posto promocional de Turgalicia e tiñamos quince concertos en cinco días, polo que actuamos tres veces diarias. Levamos unha gravadora multipista coa que recollemos os temas en directo. O repertorio incluía 25 cancións e, delas seleccionamos as 16 que compoñen o disco.

-¿Hai algún tema propio ou son todos recollidos da música popular?

-Son versións de cancións moi coñecidas, como a Muiñiera de Anxo Quiroga, a de Pontesampaio, unha versión amuiñeirada das Campanas de Bastabales de Amancio Prada ou un canto tradicional dos pastores abrigados que recolleu Xabier Blanco. Xa temos varias ideas sobre temas propios, pero polo de agora queremos asentar o traballo feito. Nós o que pretendemos é involucrar á xente e que saia a bailar, como sucedía antes nas foliadas, mesmo temos feito talleres previos ás actuacións para ensinar baile tradicional.

-Forman o grupo sete membros de diferentes idades, parece que hai relevo xeracional...

-O máis novo é Xacobe Varela (gaita, bouzouqui e voz principal) con 27 anos e o maior é Xosé Ramón Vázquez (acordeón) que ten 48. É importante que haxa relevo xeracional na música tradicional, o que falta é apoio por parte dos organismos públicos.

-¿En que sentido?

-Non se aposta pola música e o baile que nos fan particulares como rexión. É curioso ver como en Europa a xente celebra as súas festas coa música que lles é propia mentres que aquí o que triunfa sempre é o de fóra ou o inventado, con orquestras nas que o de menos é a música.

-¿Cando se poderá escoitar en vivo este primeiro disco?

-Faremos o concerto de presentación o 5 de maio en Cardiff, Gales, no festival que dá comezo ao verán celta.

Roberto rama componente de os d?abaixo