A cultura padece e sufre todos os problemas derivados da crise e da marxinalidade periférica, co factor engadido de ser un sector no que caen os primeiros recortes en canto se fala de austeridade e de políticas de prioridades. Todos os participantes no encontro coinciden neste feito, algúns dende un transformación anunciada -a libraría Torga deixará de ser un espazo físico para seguir como proxecto a través da rede e potenciar, a un tempo, o traballo editorial- e outros dende unha resposta e uns ingresos que botan de menos tempos mellores.

economía

O público non responde como antes. A crise mudou a realidade das propostas culturais. Os espectadores non asisten como antes, en número, ás actividades e faise preciso ir a novos modelos. Cristina Pato recoñece que «encher agora mesmo un recinto cunha actuación faise costa arriba. Non é que a xente non queira ir, é que os tempos que vivimos son os que son e hai que axustar moito, tanto os proxectos como os prezos». Diego González coincide na apreciación, aínda que lembrando que sempre hai público para as ofertas que están axustadas. Precedo salienta a xestión: «Hai que traballar os proxectos; no noso caso conseguimos traer material a bos prezos, nalgúns casos á terceira parte do que paga algunha institución».

axudas públicas

Contra a dependencia. Cristina Pato, Rosendo Cid, Precedo e Paz sinalan o papel da cultura como o de calquera outra actividade estratéxica dentro da sociedade, e como tal merecedora de acceder a axudas ou apoios institucionais. Coas correspondentes anotacións á marxe: «Porque hai cousas que só se promoven se contan con axuda institucional, ou a pé feito para conseguir esas axudas. O que non podemos ter é unha cultura subsidiada e ao mellor é preciso incentivar mecanismos máis que axudas concretas, porque iso en moitas ocasións incapacita a propia xestión».

estratexia

Fóra dos circuitos. A coincidencia que se dá á hora de salientar a importante actividade cultural que se xenera en Ourense existe tamén ao valorar a aposta institucional. A opinión maioritaria é que a cidade padece, no eido cultural, a mesma marxinación que se manifesta noutros apartados e que se resume nun sentimento e nunha realidade histórica: a aposta institucional polo eixo atlántico, de Ferrol a Vigo, e a marxinación da Galicia interior. Rosendo Cid ilustra o tópico de Ourense cunha anécdota: «Cando decidín voltar á cidade para vivir, logo de anos residindo en Santiago, a xente preguntábame: ¿Vaste para Ourense?, ¿E que hai en Ourense?».

espazos de referencia

Na procura dun lugar. A falta dun espazo emblemático na cidade, en canto á actividade cultural, é unha das eivas sinaladas. Precedo e Cristina Pato inciden neste aspecto e Rosendo Cid apunta modelos: «Hai sitios como a Casa Encendida, ou Matadero. Ou Maus Habitos, en Oporto, que poden ser un exemplo, salvando as diferenzas, do que habería que promover». Paz recorda o sistema de xestión de Benito Losada na Casa da Xuventude e Precedo lembra que «en Ourense propuxeron os colectivos vencellados a ES.CU.A unha alternativa semellante: un local abandoado para restaurar eles mesmos e convertilo nun centro de actividades culturais. Non tiveron resposta».

ciclo festivo

A resposta cidadá. Xavier Paz apunta un aspecto ao debate: o apoio popular dos ourensáns ás propostas do ciclo festivo anual -dos maios ao magosto- e a resposta «moito máis pasiva» ás actividades institucionais.

o reto

Contra os localismos e a favor da autoestima. Cristina Pato cre que se fai necesario que os ourensáns acrediten na súa propia oferta cultural. Cid apela a adicar máis esforzos a facer visible o que se está a ofrecer: «Ás veces o que temos é falta de persuasión para divulgar o noso».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Marxinados polo eixo atlántico