Sentimentalismo. Etapa de implantación

XABIER L. MARQUÉS

FIRMAS

28 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Sentimentalismo é unha «teoría filosósica» propugnada polo filósofo e poeta galego Xesús Manuel Valcárcel que se basea nos sentimentos e na súa importancia para interpretarmos o mundo. De entrada, non semella unha proclama moi diferente do que a Poesía vén de procurar ao longo da súa eterna andaina... Ademais das súas bases teóricas, téñense presentado ata o de agora tres Antoloxías: Antoloxía da Etapa de Fundación (2011), Antoloxía da Etapa de Implantación (2012), e a recente Antoloxía da Etapa de Expansión (2013), todas elas na Editorial Bubela.

Sete autores en cada Antoloxía, referentes, segundo afirman os seus coordinadores, «dunha nómina mínima, pero representativa, da renovación da literatura galega...». Estar dacordo ou non con esta formulación é estalo ou non co papel que xogan as Antoloxías, co proceso selectivo dos participantes, cos criterios da escolla, coa calidade dos textos seleccionados, coa súa actualidade e, por que non dicilo, aceptar de bo grado o infinito pelotón dos ausentes (aínda que unha Antoloxía non é un Canon stricto sensu).

Da Etapa de Implantación, os coordinadores son dous dos autores que mellor coñecen o panorama da poesía galega actual, activos membros do mundo literario: Carlos Arias e Mariña Pérez Rei. Os autores que figuran nela son: Yolanda Castaño, Xulio Cid Neira, Olalla Cociña, Francisco Xosé Fernández Naval, Xabier López Marqués, Baldo Ramos e Eva Veiga. A min, que non me gustan as Antoloxías, intrígame coñecer o futuro dalgún destes «poetas»...