«O momento máis eufórico da creación é posiblemente o inicio»

ENCARNA PEGO PAZ

FIRMAS

Denuncia que os prexuízos co galego son os mesmos dende hai 30 anos

28 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Uxía Casal é unha escritora, lectora e conversadora apaixonada, que goza e fainos gozar dunhas tertulias literarias no Ateneo Valle-Inclán ao estilo do que imaxinamos serían os cafés literarios de épocas pasadas.

-Como é, para ti, o proceso de creación?

-Resulta difícil contar de xeito racional como o fas. Tes unha idea do que queres escribir, e vas dando forma aos personaxes, teñen que crecer e evolucionar. Xenoveva tiña que viaxar, ver moito, bo e malo? Logo hai que comprimir, o relato esixe economía de medios, o reto é expresar o máis posible con menos. É coma un cadro impresionista, tes unha visión de conxunto, ves o cadro ao lonxe.

-Parece que o relato é fácil de ler, pero moitos esixen unha segunda lectura.

-O relato para o público xeral, coma Vidas exemplares, ou Saturno tamén é deus, require un esforzo do lector, quen ten que completalo. Hai suspense, terror, e o final está sempre moi traballado.

-Fálame da novela.

-Non me sinto cómoda escribindo novela negra. Escribín algunha de ficción e suspense, O faro de Arealonga, por exemplo, que tivo boa acollida. Ten acción, misterio, tamén reflexión. Trata da autonomía, do afán de superación, protagonizada por unha anana xornalista amiga dun fareiro científico.

Uxía escribe o que lle vai saíndo, despois desbotará moitas cousas, pero debe construír os personaxes desde a nenez, a adolescencia, ir forxando as súas personalidades. Logo pregunta aos especialistas as posibilidades de realizar os aparellos que crea no seu maxín para que resulten verosímiles.

-Cal é o momento máis emocionante para un escritor/a?

-O momento máis eufórico da creación é posiblemente o inicio, cando tes as ideas e te pos a plasmalas. Notas unha grande excitación cun proceso que empeza. Segundo un psicólogo húngaro nacionalizado estadounidense, Mijalyi Csikszentmijalyi, que escribiu un libro titulado Fluír e outro Creatividade, cando estás embebido en algo, flúes, todo o teu cerebro está centrado niso, esa sensación é impagable. Despois cando aparecen as dificultades, e chegas a un brete difícil de resolver, tes que peneirar moito?, pero gústame todo o proceso. Cara ao final atando os cabos, tes présa por saber como vai acabar, pero non podes forzalo. Tes que adaptarte ao talante dos personaxes, nunca sabes como vai rematar, como vai evolucionar cada personaxe.

-Non te animas coa poesía e co teatro?

-Poesía non leo moita, e non me chama escribila. Gústanme moito os sonetos de Víctor Campio Pereira. O que me pasa co teatro é que me gusta moito describir, e o teatro non mo permite; por iso prefiro a narración.

-Cales son os teus narradores e libros de referencia?

-En relato Cortázar, absolutamente xenial, e Chejov. Gusto das coleccións de contos marabillosos dos irmáns Grimm, Andersen? Aleksandr Afanásiev que fixo un compendio de contos rusos. Teño coleccións de relatos de todo o mundo, de todas as culturas. Encántanme os libros ilustrados. Sorprendéronme os libros de J. R. R. Tolkien, O señor dos aneis, e O hobbit. Na súa primeira lectura sentín un medo horroroso. Pero tanta fantasía, tanta imaxinación, a loita entre o ben e o mal? apaixonoume e enganchoume. Linos varias veces. A maxia dun libro de ficción é que a súa fantasía faga que te metas no xogo, que te atrape, e para min Tolkien consígueo.

-Como ves a situación da nosa lingua?

-Malia que se aprende na escola segue habendo os mesmos prexuízos de hai 30 anos, segue a ser o galego a lingua B e o castelán a lingua A. É algo que me causa estupor. Pensamos que se individualmente o temos superado xa está, pero os cambios sociais van moi lentos. O ensino do galego vai ás veces moi ligado a certas ideoloxías, o que non o beneficia, habería que facelo dun xeito máis respectuoso para dignificalo de verdade.

ILUSTRACIÓN ABRALDES

«O ensino do galego vai ás veces moi ligado a certas ideoloxías»

«A maxia dun libro de ficción é que a súa fantasía faga que te metas no xogo»