«Os contos están na xenética das persoas, son a memoria»

Tamara Montero
TAMARA MONTERO SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

SANDRA ALONSO

O Festival Atlántica arranca o día 11 con Mercedes Peón

04 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cunha queimada para esconxurar o mal tempo do 11 ao 22 de marzo Soledad Felloza e o seu equipo presentaron a segunda edición do Festival Atlántica de narración oral, con arredor de 40 actividades para todos os públicos repartidos polos pubs, centros socioculturais e outros moitos espazos de Compostela. Un festival de narración oral que vén avalado polo éxito da súa primeira edición, que tivo uns 5.000 espectadores. Xa se pode ver a programación e reservar entradas en festivalatlantica.com.

-Segunda edición e medrando.

-Medrando contra vento e marea, porque o ano pasado en moitos dos bares quedaba a xente fóra e os espectáculos para nenos tamén quedaron fóra. Por iso, aínda que o bar para nós é moi querido, apostamos por ampliar e por iso este ano están a Praza de Abastos, o Museo do Pobo Galego, o lucernario da Fundación Granell, a Nave de Vidán, o auditorio de Teo... Queremos ir probando, a modiño, sen pretensións, pero pouco a pouco habilitando os espazos da palabra en distintos lugares.

-Haberá narradores de Bretaña, Irlanda, África e Latinoamérica. ¿Hai diferenzas co xeito de contar historias de Galicia?

-Hai unha diferenza entre a tradición atlántica e a do resto do mundo, por iso este festival ten esa identidade, a atlántica. O narrador atlántico é quen de mesturar a realidade a fantasía sen que ti saibas moi ben onde está o límite, e iso é algo que se repite en todos os narradores do atlántico. Non quero dicir que o resto de narradores non teñan esa condición, pero aquí é máis evidente, máis latente. A forza dos narradores, en especial os galegos, a min marabíllame.

-Hai espectáculos para nenos. ¿As novas xeracións perden a tradición oral?

-Nestes momentos hai un traballo moi importante que facemos nas bibliotecas e centros socioculturais que por mor da crise está sufrindo. Si que hai todo un traballo de recuperación moi importante. Aos nenos gústanlle moitísimo os contos e penso que o importante é non pensar se perden ou non, senón que son terra fértil para os contos e sementar e sementar.

-¿A medida que medramos perdemos o gusto polos contos?

-Os maiores entréganse, e encántame a reacción da xente. Eu son das que pensa que os contos non teñen idade, pero por unha cuestión de organización divides entre bebés, nenos adultos... Os contos están na xenética das persoas, as palabras son a nosa identidade, a memoria, son o que somos.