«A terra tira, pero as condicións da illa nunca as acadarei aquí»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

Cristina Lamas, en Lalín, onde está a visitar á familia con motivo da Feira do Cocido.
Cristina Lamas, en Lalín, onde está a visitar á familia con motivo da Feira do Cocido. miguel souto< / span>

Traballa na cociña dun hotel de Lanzarote onde libera creatividade

16 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de cursar un Ciclo Superior de Restauración e outro de Panadería e Pastelería Cristina Lamas Crespo (Lalín, 1984) comezou de inmediato a buscar traballo.

-Contacto co mundo laboral xa tiña de antes. No inverno estudaba en Compostela, na Escola de Hostalaría de Lamas de Abade, e no verán traballaba polas Rías Baixas.

-Leva nove anos en Lanzarote, ¿como se produce esa decisión de marcharse?

-Un chisco por casualidade. Cando estabamos estudando íamos ao «Supermartes» de espectadoras e co que aforramos decidimos, unhas compañeiras e eu ao rematar, de mercar unhas maletas e irnos a Canarias na procura de traballo. O primeiro destino foi Tenerife e, sen coñecer nada alí, ao segundo ou terceiro día xa tiñamos onde traballar pero unha amiga nos recomendou mellor Lanzarote ao estar ela na illa e marchamos.

-Eran datas en que se atopa fácilmente traballo...

-Era moi fácil. Corría o ano 2005 que foi cando entrei a traballar nas cociñas do hotel no que continúa na actualidade, que é un cinco estrelas, o Volcán Lanzarote en Playa Blanca. Unha auténtica preciosidade, dende o meu punto de vista, con capacidade para unhas 600 persoas.

-¿Cal é a súa tarefa cotiá?

-Na cociña traballamos trinta persoas e eu ocúpome da decoración e dos entrantes para o bufé frío. É un traballo moi visual e creativo. Estiven con anterioridade na zona vip, na elaboración de desaiunos e ceas pero aquí é onde me sinto máis a gusto. A miña meta é aprender, sempre.

-Da trintena que están na cociña, ¿algún galego máis?

-Somos catro galegos. Está un compañeiro de Padrón, outro de Viveiro, de O Pino e eu. Logo é unha mistura de procedencias e nacionalidades: Mauritania, Marrocos, Sevilla, Barcelona, Cuba, está un dominicano, un de Sevilla e dous de Lanzarote. Como se organizan ao longo do ano distintos bufés internacionais con toda a mistura de nacionalidades pois aprendemos moito uns dos outros. O xefe é quen marca as temáticas dos bufés pero déixanos crear e facer cousas novas, sempre que sexa innovar e en positivo, non hai ningún problema. O único que pretende é formarnos o mellor posible por se nalgún momento tes que ir para outro dos hoteis que ten a compañia, para que sexas o máis autónomo posible. A verdade é que me satisface moito o que estou a facer agora mesmo.

-Despois de nove anos, ¿non pensa en voltar a Galicia a traballar?

-A terra tira, e sempre que podo veño, pero as condicións que teño na illa nunca as acadarei aquí. O meu horario é de 8 da mañán a catro da tarde, dous días libres á semán que podes escoller e 48 días de vacacións. Esas condicións aquí, en Galicia, non as hai. O ano pasado collín todas as vacacións xuntas e este ano partidas; aquí estou estes días para a Feira do Cocido.

cristina lamas crespo restauradora lalinense

«No ano 2005, cando eu cheguei, era fácil atopar traballo nalgún dos hoteis»