«A periferia fana os que senten que viven nela»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

Álvaro Ballesteros

Defende a necesidade de poñer Santiago no mapa facendo cousas nel; e lembra unha zona vella chea de nenos

03 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Músico, compositor, pianista, e un dos grandes do jazz. Abe Rábade ben podería ser ademais escritor -xenes non lle faltan- ou mesmo pedagogo por esa capacidade de interesar ao ouvinte, ao alumno. Naceu no hospital da Esperanza hai 36 anos pero é un veciño da zona vella, da que pouco escapou na súa vida. Fillo de Xesús Rábade e Helena Villar, ambos escritores, pasou da Virxe da Cerca á rúa Xazmíns, onde se criou. De pequeno ten unha lembranza moi nítida do casco histórico, «recordo unha zona vella chea de nenos».

Da man da súa nai, el e máis a súa irmá, a tamén escritora María do Cebreiro, estudaron no López Ferreiro e no Pío XII. Cambiaron de centro porque a súa nai os levaba a onde ela traballaba. De ambos, e máis do instituto Rosalía de Castro despois, ten bos recordos, «a escola pública é un modelo que hai que potenciar e mellorar, non como se fai agora, que está mermando tendenciosamente», explica. Desde neno lembra nas aulas «convivir na diversidade, e por iso a reivindico, porque creo nos valores da convivencia e da multiculturalidade». A pública, a que está no centro e na periferia e non escolle aos alumnos, «a escola pública xógase o tipo en barrios malos, porque a privada xa non está aí», di.

Aínda que todos se decantaron profesionalmente pola literatura, sempre houbo música na casa, así que o deste pianista non colleu por sorpresa a ninguén. O seu avó materno era músico de vocación e xastre de profesión, e mesmo seu pai sempre tivo bo ouvido e sentido do ritmo.

Comezou con bo pe no Conservatorio Histórico de Santiago co método Kódaly que lle ensinaba a súa profesora Sally, pero despois a formación demasiado regrada a piques estivo de custarlle a vocación, «un neno ten que aprender a partir dos xogos, non lle podes mandar a un neno solfexar sen cantar as notas». No 86 marchou para o centro Estudio Escola de Música, no que estudaba solfexo con táboas de jazz... E aí mudou a historia. E máis mudou aos 15 anos, cando marchou a Austria para participar a través da escola nun encontro anual de centros de jazz, ao que acudiu como alumno. «A maioría tiñan vinte e tantos anos, eu tiña quince e aquilo impactoume. Á volta tomei xa conciencia de a onde me podía levar o camiño rigoroso da música».

Con 17 anos chegou a Boston. So. «Recordo ese momento de cruzar o charco, e a sensación non de medo, senón de que nos acontecementos centrais da vida un está so, e ten que facelo so, e non fai frío». Non fixo frío, foron catro anos nos que aprendeu que nas rúas había homeless -sen teito-, e que a convivencia coa diversidade é boa, xa que o 40 % eran estranxeiros. «A miña concepción do outro e da diversidade se acabou de conformar aí». Da escola lembra especialmente a Joanne Brackeen, profesora de piano, e a Greg Hopkins, de composición. E como non aos padriños da súa graduación: David Bowie e Wayne Shorter.

Ao rematar os estudos volveu tres meses a Boston, pero a balanza inclinouse finalmente por Santiago. «Xusto comezou a abrirse a posibilidade de desenvolver a miña carreira aquí». Quedou segundo no concurso internacional de grupos de jazz de Guetxo, acadou o premio Tete Montoliú ao pianista revelación en España, e decidiu facer jazz desde Santiago, pese a que «Galicia institucionalmente fixo moi pouco por min». «A periferia fana os que senten que viven na periferia. Teño a máis terme quedado aquí. Os lugares póñense no mapa facendo cousas relevantes neses lugares».

Proxectos non lle faltan. Profesor na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, acaba de editar VerSons co Abe Rábade Trío, prepara para a Rhapsody in Blue de Gershwin e traballa nun proxecto para arranxar a música do seu trío a un contexto sinfónico. O jazz ten futuro desde Santiago.