Xesús Costa Rodil investiga a historia de Rianxo

Pastor Rodríguez

FIRMAS

05 feb 2014 . Actualizado a las 16:31 h.

Nacido en Cervo en 1944, mestre e licenciado en Filosofía e Letras, os máis de corenta anos de Xesús Costa Rodil vivindo e ensinando en Rianxo fixérono xa parte esencial da vila, vila á que dedicou gran parte do seu labor de investigación histórica, no que destacan Rianxo no Antigo Réxime. Economía e sociedade nunha vila mariñeira do señorío arcebispal de Santiago, volume, editado en 2001, no que con rigor metodolóxico e documental, fixo unha historia da súa vila de adopción ao longo de varios séculos. Centrará logo o seu interese historiográfico xa no século XX, máis concretamente na época republicana, na guerra civil e na represión franquista, do que son testemuña traballos como Rianxo na II República: firme apoio ó Estatuto de Autonomía, publicado en 2003, ano no que tamén editou Rianxo na guerra civil: campo de concentración de prisioneiros de guerra (1937-1939), escrito en colaboración con Xosé Comoxo e Xesús Santos Suárez, autores cos que tamén asinou o traballo Rianxo no centenario do nacemento de Manolo Rodríguez Castelao en 2005. O estudo desta convulsa época histórica estendeuno logo ao resto da comarca en obras como Galiza na guerra civil. Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo, aparecido en 2007, en colaboración con Xesús Santos, con quen realizou ademais un ensaio sobre a represión no maxisterio: De Padrón a Muros. A represión educativa e cultural (1936-1950), editado en 2010. A guerra é tamén o eixo do seu relato Bandeiras de liberdade ó nacente, editado en 2006.