«O último libro naceu dos meus cadernos de viaxe en Exipto»

Presentou en Compostela «Cadernos do Nilo», creado a partir de tres visitas ao país e do diálogo interior do autor


Santiago / la voz

Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951) presentou onte en Compostela o seu último poemario, Cadernos do Nilo. O prolífico poeta galego definiu esta obra coma «un longo poema do río», aínda que na segunda parte da publicación centra a mirada na cidade do Cairo, unha «megalópole» onde conviven 30 millóns de habitantes de distintas relixións e condicións e na que autor se atopou consigo mesmo.

-¿Como xorde o poemario?

-Naceu dos cadernos que eu fixen en tres viaxes a Exipto e o libro foi mudando, buscando a súa propia forma como poemario, segundo o escribía. Dalgunha forma empezou a prescindir dos elementos do camiño exterior e foron aparecendo máis do camiño interior.

-¿Que foi o que o inspirou nestas tres viaxes?

-Ao lugar que máis viaxei foi a Grecia, onde fun unhas dez veces, sen embargo nunca fixen cadernos porque eu levaba os meus propios libros xa feitos para aproveitar esa euforia creadora que produce estar en culturas amadas e referenciais para traballar neles. Na primeira viaxe a Exipto non escribín nada, porque foi descubrir un mundo totalmente distinto. É un lugar onde o presente e o pasado se superpoñen. A viaxe polo propio Nilo e a mestura deste coa nudez da paisaxe e do deserto fai que un veña sendo outro.

-¿Intentara antes facer un caderno de viaxe?

-Moitas veces, pero antes de facer un caderno de viaxe un precisa dunha determinada aprendizaxe da soidade. É difícil facer viaxes a sitios marabillosos estando só, xa que se un vai acompañado normalmente participa coas persoas que ten ao lado e intercomunícase con elas, polo que a comunicación vital é máis pequena.

-Adéntrase no río que veu nacer a historia da humanidade para descubrirse a si mesmo.

-Nunha paisaxe tan viva e ao mesmo tempo tan desolada é cando o ser humano se fai as grandes preguntas. Un ve que está nun territorio onde incluso as estrelas non están no mesmo lugar que na terra natal dun. Dá a posibilidade de descubrir cousas do interior, que estaban aí, pero que un non coñecía.

cesáreo Sánchez iglesias escritor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O último libro naceu dos meus cadernos de viaxe en Exipto»