«A aplicación do Leader na zona está na boa liña»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

Recoñece que algúns grupos son máis eficaces ca outros, que se manterán e terán 800.000 euros de financiación

16 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Foi xerente do Bantegal, subdirector de Mobilidade de Terras e agora o lalinense Javier Blanco Carballal pasou a ocupar a subdirección de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Postos diferentes pero sempre vencellados a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

-Máis de trinta grupos en Galicia e algúns con mellores previsións de futuro ca outros...

-Hai 31 grupos de desenvolvemento en Galicia que están levando a cabo o programa Leader e a miña función é actuar como elemento coordinador dese plan, coordinar aos 31 grupos tratando que o plan sexa executado conforme aos regulamentos europeos e ver que as axudas están correctamente dadas e definidas. É certo que hai grupos máis eficaces ca outros pero a aplicación do Leader na zona está na boa liña. Non estamos falando de que os cartos non estén revertidos en proxectos nen tampouco dunha mala execución. Os problemas son de outra índole e están relacionados co gasto de funcionamento. Hai moitos proxectos que están saíndo adiante cos cartos do Leader e suporán unha mellora na calidade de vida e na economía da zona. Son retos que se están conseguindo pouco a pouco.

-¿A intención é manter a actividade de todos eles?

-En principio se manterán. Teñen unha financiación de 800.000 euros para os vindeiros dous anos xa que se está traballando no periodo 7/13 e acaba de prorrogarse cara o 2014/2015 e comezamos a traballar no programa 2014/2020, cuxa real aplicación será 2016/2020.

-¿É momento pois de presentar algún proxecto susceptible de ser subvencionado polo Leader?

-Nos propios grupos é onde saben cales son os proxectos que se poden introducir, se teñen cartos dispoñibles, se hai fondos en reserva para proxectos presentados ou para novas iniciativas. O mellor é asesorarse nos propios grupos de desenvolvemento.

-Bantegal, mobilidade de terras, ¿un traballo aínda sen rematar?

-Creo que se traballou bastante e ben para que o Banco de Terras sexa cada vez máis importante no rural galego e que a xente o teña como un instrumento de referencia á hora de ordenar o territorio. Malia a todo sempre quedan cousas pendentes e sempre un pensa que puido facelo mellor; pero o equipo que colleu esta subdirección seguro que lle acaba de sacar o proveito que ten.

-¿E a nivel das zonas de Deza e Tabeirós-Montes?

-Son comarcas nas que a terra está aproveitada e non hai incorporacións de fincas ao banco.

javier blanco carballal subdirector de relación cos gdr