A Estrada demostra que aínda hoxe temos moito de romanos

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FIRMAS

O IES García Barros gaña o Premio á Innovación Educativa cun proxecto sobre a pegada actual da romanización

20 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O latín será unha lingua morta, pero os galegos somos aínda hoxe máis romanos do que cremos. Iso é o que demostra o IES García Barros da Estrada cun exhaustivo traballo co que acaba de gañar o Premio á Innovación Educativa da Xunta. Leva por título Dives Gallaecia e rastrexa a pegada dun proceso implacable de romanización que se reflicte no día a día contemporáneo. Comemos xeados Magnum, bebemos Aquarius e botamos Nivea na praia. Nos xornais sobreviven expresións coma in situ, sine die, déficit ou campus e a Universidade da Coruña leva por lema Hac luce. Logo, o latín non debe estar tan morto.

Durante os tres últimos cursos académicos, medio cento de alumnos de cuarto da ESO a segundo de Bacharelato do instituto estradense traballaron coordinados polo profesor Álvaro P. Vilariño na reflexión sobre a conquista militar romana e a súa repercusión. Nel colaboraron tamén os docentes Marisa Otero e Miguel Bugallo.

Ademais de rastrexar a pervivencia de expresión latinas, a equipa investigou sobre as festas de recreación histórica, coma o Arde Lucus e o Festival de Teatro Grecolatino de Lugo ou a Festa do Esquecemento de Xinzo. A maiores, visitáronse os principais restos arqueolóxicos romanos de Galicia e os museos que atesouran pezas da época.

Todo ese traballo minucioso está recollido na web www.divesgallaecia.org, na que se poñen a disposición de calquera interesado 17 vídeos en alta definición e 609 imaxes de alta calidade con licenzas Creative Commons. Festas, enclaves arqueolóxicos e pezas de museo constitúen unha galería virtual da romanización na que varias imaxes conseguiron o recoñecemento de «imaxes de calidade» de Wikimedia Commons.

Entradas na Galipedia

A equipa traballou tamén en colaboración con Galipedia na edición de moitas entradas sobre toponimia e latinismos. «Moitos alumnos comezaron buscando latinismos na prensa o primeiro ano e acabaron editando entradas rigorosas na Galipedia», explica Álvaro P. Vilariño.

Para o coordinador, a maior satisfacción é o recoñecemento e o propio traballo cos estudantes. Máis aló diso, o premio está dotado con 3.000 euros para o centro que se destinarán a actividades co alumnado. Barallarase unha visita ó festival grecolatino de Lugo, por exemplo. No currículo dos mestres sumaranse polos tres anos de traballo 20 horas de formación, o mesmo que por algúns cursiños dunha semana.

O Proxecto sobre a romanización de Galicia foi galardoado co Premio á Innovación Educativa na modalidade de uso innovador das tecnoloxías para introducir cambios metodolóxicos.

Dives Gallaecia proporciona unha base de datos de material audiovisual e representa unha forma de colaboración con Galipedia e Wikimedia Commons. Permite unha visita virtual ós xacementos e museos e convida a reflexionar sobre a conquista militar romana, a explotación dos recursos, a organización administrativa e as vías de comunicación. Tamén é un punto de encontro para compartir con outros profesores documentación e actividades deseñadas para a plataforma Moodle.

O proxecto tamén é finalista nalgunha convocatoria educativa estatal, aínda que a concesión deste premio da Xunta descarta novos recoñecementos.