«Para crear hai que dominar unha linguaxe e comprometerse con ela»

F. R. lavandeira

FIRMAS

A obra de Gil xa ten un honroso oco na historia artística da comarca

24 abr 2014 . Actualizado a las 20:15 h.

 

Con máis de vinte anos ensinando debuxo e pintura no seu obradoiro de Taragoña, a obra de Raúl Gil Burés, como artista plástico multipremiado e como docente, xa ten un honroso oco na historia artística da comarca, abeirado á cantidade e calidade dos seus alumnos.

Hai vocacións que agroman ancoradas a unha pel. Á pel da terra. Á pel do mar. Mesmo á pel do pai. Velaí como xorde a vocación de Raúl polo debuxo: os domingos cedo na epiderme curtida e protectora de Manolo Gil. Ese foi o seu primeiro lenzo. Unha textura viva onde o neno espallaba tatuaxes de ficticias singraduras, familiares animais domésticos ou as paisaxes que, ao ditado de Manolo, avivaban as xeografías infantís. Despois, todo foi cambiar de soporte: os fondos das caixas de zapatos, os escasos sobrantes dos vellos cadernos escolares, os currunchos nas follas de periódico que envolvían algún mandado. Tamén a pel do país, negra nos camiños de Cartomil e granular nas Caldas, esteiro do Beluso, sempre marcada cun garabullo de fortuna.

A outra vocación de Raúl, a de mestre e coadxuvante, sementada tamén nos anos primeiros, xorde a inicios dos noventa cando, brillantemente licenciado en Belas Artes, abre o seu obradoiro na casa materna. «Para ensinar tes que estar moi seguro do que fas, do que sabes, porque a persoa non che pide opinión ante un problema, pide que lle axudes a resolvelo». Pero este resolver, dirá, implica reflexionar sobre o que está mal e intuír un camiño no que situar o aprendiz para que el mesmo investigue, se aventure, se esforce e asuma o risco de equivocarse e volver empezar.

Dígolle que está resumindo os principios básicos da didáctica, nada común, por outra banda, no ensino das belas artes, onde se pasa do «todo vale» ao simple remate profesoral da obra.

Estou certo de que, probablemente, sexa o artista de técnica máis depurada de todos cantos teño coñecido e insisto en que hai unha escola Gil Burés, ou Burés, ou Raúl, na comarca -e non só na comarca-. Quítalle importancia: «Pintar ou debuxar faino calquera, todo consiste en aprendizaxe e esforzo, como nos demais saberes, como en calquera outra actividade». Si, pero na plástica en particular e na cultura en xeral hai demasiado mediocre, demasiado imitador, demasiado fraude investido de altas capacidades, eloxiado polos corifeos da cultura e con proxectos mantidos directa ou indirectamente pola Administración. Asinte: «na plástica e noutros campos. Ten que ver coa impostura de certos ?creadores? e coa ignorancia, ás veces nada inocente, das autoridades públicas. Para crear hai que dominar unha linguaxe e comprometerse con ela. Pasa no debuxo, na pintura e na poesía. E botarlle moita, moita modestia». Concorda comigo.

Tamén concordamos en que a xenialidade -esa prostituta de carmín caro- aparece, se ha ser, só cando dispós das ferramentas para darlle adobo. E esas ferramentas son fillas da transpiración e das rozaduras. Todo o demais é márketing, especulación ou estúpida vaidade. O máis fascinante e conmovedor é ver como os alumnos progresan, como algúns deron saltos de xigante e xa non tes nada que ensinarlles e moito que aprender deles. «Sempre se aprende dos alumnos». Afirmación emocionada de quen, xunto cun aprendiz do seu obradoiro e xa mestre e amigo, compartiu mantel coa realeza na celebración dun premio. Iso é o máis cerca que estiven do poder.

Para Raúl pintar é achegarse á realidade, pescudar nela e sobre ela. «Ademais de disciplina, a arte dáche capacidade de análise. Non hai nada máis grande que descubrir os mecanismos das cousas, sobre todo da natureza. Ese descubrir é o que te fai medrar, asumir novos retos e sentirte satisfeito contigo mesmo». Neste sentido, non cambiou moito desde a súa infancia. O Raúl neno observaba intensamente, tentando desentrañar a forma, a cor e o movemento. «Ese é o agrado da pintura ao aire libre -di-, que te obriga a ver o que pasa desapercibido para a inmensa maioría da xente». E de pintura ao aire libre -como doutras tantas cousas- sabe abondo, porque pertence á elite estatal.

Volvo dicirlle que existe unha escola vinculada ao seu obradoiro, un xeito de facer que se recoñece nos seus alumnos. «Supoño que será porque insisto moito na honestidade e no rigor; en facer as cousas o mellor posible e non conformarse coa primeira aparencia. O dominio e respecto polos xéneros clásicos para despois, se queres, se cho pide o corpo, desbaratalos. Pero sen artimañas e pasándoo ben.

ILUSTRACIÓN ABRALDES

«Pintar ou debuxar faino calquera, todo consiste en aprendizaxe e esforzo»

«Para ensinar tes que estar moi seguro do que fas, do que sabes»