«Hai médicos galegos dispostos a ir a Filipinas neste Nadal»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

SANDRA ALONSO

Presenta unha nova campaña «para salvar cen mil vidas»

27 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Médicos sin Fronteras presentou onte a campaña Ser Humana salva vidas, á que se pode contribuír na web www.msf.es/serhumano ou con mensaxes SMS ao 28033, que teñen un custo de 1.20 euros. O físico Jorge Mira e os médicos Gerardo Atienza e Susana Balo acompañaron no acto a Laura García, a delegada galega da entidade.

-¿Que pretende esta campaña?

-Quere lanzar unha mensaxe positiva sobre o ser humano, que é capaz de actos de xenerosidade e de solidariedade impresionantes nas situacións máis difíciles. O reto é salvar cen mil vidas máis, de persoas que padecen malaria e desnutrición, que se poden tratar facilmente; que viven situacións de conflito en Siria; ou afectadas pola catástrofe de Filipinas.

-¿Por que esas catro situacións?

-Porque a malaria e a desnutrición son das principais causas de mortalidade infantil; en Siria, 9 millóns de persoas precisan asistencia; e en Filipinas, case o 46 % das instalacións sanitarias foron destruídas e hai 4 millóns de persoas desprazadas.

-¿É moi custoso actuar neses casos?

-Non custa moito: tratar unha crianza con malaria custa menos de 1 euro; o tratamento completo de desnutrición, de 4 a 6 semanas, son uns 40 euros; un parto con seguridade en Siria, que se salven nai e fillo, custa 30 euros; e inmunizar a 5 persoas contra o tétanos en Filipinas custa 50 euros.

-¿Teñen boa resposta galega?

-Aquí temos 16.270 socios e socias. Son persoas que contribúen de forma permanente, algunha como Gerardo Atienza leva máis de 20 anos. En situacións de catástrofe, como a de Filipinas, recibimos máis donativos puntuais. E temos grandes doadores, empresas e outras institucións que nos apoian.

-¿Hai profesionais galegos en misións no exterior?

-Este ano saíron 14: loxistas, médicos, persoas da Administración, foron traballar con nós.

-¿Estiveron en Filipinas?

-En Filipinas non temos constancia de ningún galego, aínda que estaremos polo menos dous meses máis e talvez irá algún. Hai médicos galegos dispostos a ir a Filipinas neste Nadal.

-¿En que países estiveron profesionais galegos?

-Na República Centroafricana, na República Democrática do Congo ou en Colombia. Algún chegou hai pouco, e disposto a partir de novo tras o Nadal.

laura garcía delegada galega de médicos sin fronteras