AXunta vén de escenificar un novo capítulo no camiño cara á consolidación da corrupción ambiental na ría de Pontevedra. Pasando por alto o seu propio acordo que fixaba o 6 de xaneiro do 2014 como a data na que Elnosa debía abandonar Lourizán (unha decisión establecida na AAI renovada polo PP no ano 2011), vén de conceder unha prórroga á electroquímica ata o 2017. Pon de manifesto unha vez máis o PP que non é o Goberno galego quen marca a política medioambiental no que fai ao saneamento e recuperación da ría de Pontevedra, a súa absoluta dependencia dos intereses industriais de Ence e Elnosa. E esta dependencia non pode ser gratuíta. O PP, ao tomar esta decisión, está primando a unha empresa que se negou a abandonar a utilización do mercurio e adoptar a única tecnoloxía permitida pola UE para a fabricación de cloro e sosa; a unha empresa que sigue contaminando gravemente a ría e a atmosfera, e que -xunto a Ence- foi condenada por delito ecolóxico. Pero, ademais, é mais que probábel que ao tomar esta decisión o Goberno galego estea a prevaricar. Desde a APDR imos tomar todas aquelas decisións que, pola vía xudicial ou pola da mobilización social, poidan impedir esta nova agresión ao medio ambiente e á poboación da comarca. Porque temos razón e por dignidade. O PP non pode seguira ao fronte da política ambiental na Galiza; deixémosllo claro: Non á prórroga a Elnosa!