«As asociacións da aldea do Couto son un exemplo a seguir»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

A Fundación Pondal acolle unha xornada de emprendemento xuvenil

05 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A aldea pontecesá de O Couto encherase hoxe de mozos. Rapaces con boas ideas que tiveron a valentía de poñelas en marcha e outros con ganas de tomar boa nota das experiencias con éxito. A sede da Fundación Eduardo Pondal acollerá durante todo o día, a partir das once, Parece cousa de emprendemento, organizada pola asociación Monte Branco e colaboración coa fundación. Unha xornada que, segundo o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón, 1972), únese ás moitas e boas iniciativas que poñen en marcha os veciños de O Couto.

-¿Que lle parece que no Couto amosen á xuventude que o emprendemento pode ter éxito?

-A Fundación Pondal e todas as asociacións da aldea do Couto son un exemplo a seguir, porque son capaces de sacar o mellor de cada mozo e de cada moza e buscarlles as cousas que lles interesan e ofrecerlles aqueles programas e actividades que lles gustan. Son verdadeiros expertos e iso pode ser un espello ao que se poden mirar outras moitas entidades que traballan con xuventude. É moi importante axudar aos mozos a atopar os seus intereses e motivalos a conseguilos.

-Hai quen di que a mocidade non é precisamente participativa.

-Temos unha xuventude moi activa e participativa e nós tratamos de responder con programas e axudas ás súas inquietudes. Pero é certo que moitos mozos están marcados por certos tópicos e hai quen cre que é unha perda de tempo formar parte dunha asociación xuvenil. Pero esa idea é un erro, porque a través da participación en distintos proxectos apréndese moitísimo. E cada vez son máis as empresas que valoran que sexan mozos participativos. Ante dous currículos iguais, elixirán aos mozos emprendedores, colaboradores e participativos.

-¿É máis difícil que as convocatorias e as axudas de Xuventude cheguen ao rural?

-Temos 240 oficinas de información xuvenil en toda Galicia a través das cales chegamos a moitos mozos. Ademais temos un portal de Internet específico no que amosamos os programas propios, pero tamén os de outras comunidades, departamentos e incluso internacionais. E o feito de estar moi presentes nas redes sociais tamén nos achega aos mozos. Pero evidentemente os esforzos sempre son poucos e hai que mellorar coa axuda dos concellos e dos axentes xuvenís.

-Parece que coa crise a única saída que teñen os mozos é a do emprendemento.

-O emprendemento é unha opción máis para a mocidade. As ventaxas que ten é que traballas cunha idea propia e para un mesmo. Por iso puxemos en marcha iniciativas para axudarlles nese sentido.

-¿Por exemplo?

-É moi interesante, por exemplo, a Iniciativa Xove, que é pioneira en todo o Estado e que serve de axuda para que unha idea se acabe por converter nun proxecto emprendedor. Buscamos que aprendan, que adquiran experiencia, que mostren a súa idea, que a deseñen e que sexan os propios protagonistas do seu proxecto. É unha forma de que os mozos antes de emprender e arriscar os seus cartos o poidan facer e descubran se é viable ou non.

ovidio rodeiro tato director xeral de xuventude