Rosa González: «Isto non se fai por rendibilidade, faise por convencemento propio»

La Voz

FIRMAS

29 sep 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Rosa González ten certificación para castañas, cereixas, figos, mazás, nísperos e noces nas fincas que herdou da súa familia en Chandrexa de Parada de Sil. Asegura que non se arrepinte desta aposta polo ecolóxico, aínda que nos últimos cinco anos a maioría do produto sae polas canles de comercialización tradicional.

-¿Como entrou neste sector?

-En realidade sempre fixemos un cultivo ecolóxico. Tanto os castiñeiros como os nogueiras e algúns frutais que tiñan as fincas, xa os cultivaban así primeiro meus avós e despois meus pais. Seguimos no mesmo sistema porque eu sempre fun das que pensei que somos o que comemos e na miña casa sempre quixen as cousas naturais. Hai que volver a iso. Pero houbo uns anos que as castañas, que era o que máis vendiamos, tiñan moi mala saída e uns rapaces que viñeron de A Coruña para poñer unha casa de turismo rural na reitoral e que tamén tiñan unha horta ecolóxica animáronme a pedir a certificación.

-¿E funcionou?

-Durante un tempo si, porque a distribución para o sistema normal pagaba moi mal e tiveron máis saída as de ecolóxico, que se pagaban mellor; pero agora xa vai algúns anos que non as levan tanto para ecolóxico e a maioría véndese como normal.

-¿Afectou a crise?

-Supoño que iso axudou, porque ao mellor hai xente que non pode realmente pagar esa diferenza que pode ter un produto ou outro e coincide esa baixada da demanda dos que veñen a comprar. De tódolos xeitos tamén teño que dicir que o que paga o consumidor, sexa de un ou outro tipo de produto, non ten nada que ver co que recebe o agricultor. O campo nunca estivo valorado, segue sen estalo e penso que así seguirá no futuro.

-¿Arrepentiuse?

-Non, non. O que pasa é cando se aposta por isto non se fai por rendibilidade, faise por convencemento propio. Non te vas facer rico co campo, salvo setes unhas explotacións moi grandes, e aínda así teño dúbidas. Pero eu quero comer cousas que sexan de verdade e o que quero para min, o quero para os demais.