Investigan as causas do cheiro da auga en Bóveda

k. armesto / c.c. MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

O Concello baleira o depósito para limpar a rede. O PSOE denuncia a «incompetencia» dos responsables municipais

12 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

No Concello de Bóveda hai un mes que os veciños viñan padecendo problemas co servizo de auga que abastece os seus domicilios. Ao abrir a billa, a auga saía dunha cor marrón turbia, o que impedía a súa utilización para o consumo e para o aseo.

Segundo o alcalde José Manuel Arias, o problema da turbidez está praticamente resolto. «A auga que viña de Vilasouto procedente da canle de regadío viña sucia. Ao cortar o regadío a auga saiu limpa e solucionouse o problema. De feito, esta noite aproveitamos para limpar os depósitos da cabeceira», comenta o alcalde.

Pero o que está sen resolver é o do desagradable olor co que sae a auga. O alcalde di xa ter en marcha o proceso para arranxar o problema, xa que tanto Sanidade de Lugo como unha empresa de análise de auga están ao tanto. «Estamos á espera das análises, algunhas delas mandámolas a Alicante. De aí saberemos a causa do olor, se vén da presenza de ferro, manganeso ou algunha outra substancia. Cando cheguen os resultados, poderemos tomar decisións», apunta José Manuel.

Por outro lado, o alcalde sinala que no momento no que comecen as obras da construcción dunha nova captación de auga -obras previstas para este ano- que virá do río Viloria, cesarán estes problemas de xestión da auga que veñen afectando a Bóveda nos últimos tempos. Engadiu que, tras o último informe do 21 de agosto, a cianobacteria que contaminaba a auga do embalsede Vilasouto desapareceu; pero que aínda así tomáronse as previsións para que en maio/xuño, -época na que a cianobacteria pode volver a aflorar- as obras estean rematadas e non haxa ningún tipo de risco.

Subida das taxas da traída

Segundo o PSdG de Bóveda, o feito de que este problema aínda non estea resolto, débese á incompetencia do alcalde á hora de tomar algunha decisión «No Concello ninguén dá explicacións. Pídeselle ao alcalde que amose algo de resposabilidade e arranxe de inmediato unha situación insostible», di Carmen Macía, voceira socialista.

Di que se trata de corresponder aos veciños xustamente, xa que estes veñen de asumir unha subida nas taxas da traída de ata 40 euros máis cada tres meses.

Ante esta última puntuación, o alcalde respondeu que se trata dunha subida lóxica, xa que do custe das obras da nova captación haberá que pagar o 30% -dun total de 700.00 euros-, e que a subida responde á lei de estabilidade presupuestaria.