«Dous pintores unidos traballando sobre o mesmo papel é un proxecto único»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CULLEREDO / LA VOZ

FIRMAS

A exposición «Entredous» pode visitarse no xardín botánico do Burgo

10 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aqueles que pasen polo xardín botánico do Burgo para ver Entredous, a exposición de Alfonso Costa (Noia, 1943) e Manuel Ayaso (Aguiño, Ribeira, 1934), non verán un proxecto calquera. É único. Pioneiro en Galicia e, mesmo, di Costa, poida que en España. É atípico que dous artistas, dous pintores, se unan para traballar sobre o mesmo papel. Os dous teñen sona internacional, recibiron numerosos recoñecementos. Formáronse fóra: Costa, en Florencia ou Barcelona. Ayaso, en Nova York, a onde se mudou novo. Ten un pé alí e outro aquí, en Galicia. Viaxa a miúdo. Por separado, teñen exposto en moitos países.

O xermolo de Entredous naceu por casualidade, cando dedicaron un catálogo dunha mostra colectiva e un lle dixo ao outro «empeza ti o debuxo que xa o remato eu». Cinco anos despois daquilo, xa van máis de cen obras. A mostra de Culleredo, integrada por 31, é xa a segunda remesa. Proximamente, Entredous sairá por primeira vez da comunidade para ir a Madrid. Despois, quizais, ao Instituto Cervantes de Nova York. En resumo, o que se pode ver no Burgo ata o 5 de outubro son obras comezadas por un e rematadas por outro. Nunhas empeza Costa e acaba Ayaso. Noutras, ao revés.

-Repiten, e é ben peculiar.

-A idea é moi interesante, porque cada un de nós ten o seu estilo. Somos dúas persoas distintas, pero unidas por un cordón umbilical, o da creatividade. Penso, aínda así, que isto non o podería facer con outro artista máis que con Ayaso, témonos un respecto mutuo. Cando nos pasamos as obras un ao outro entramos noutro mundo. A crítica ten falado de Ayaso é a sombra e a terra, eu a luz e o aéreo. Hai un casamento entre os dous e cando consideramos que hai que modificar algo da obra do outro, un trazo, algo máis de cor, hai un permiso. Isto sería moi complicado con alguén con quen non comulgues, que se crea a persoa idónea para modificar sen máis.

-¿É un exercicio de confianza?

-Claro. Os artistas somos moi individualistas. Ti podes crer que fas unha parte moi boa e ter medo de que o outro lle baixa a calidade. Aquí non, pero sempre hai ese misterio. Estás intrigado por saber que fixo o outro coa túa obra, e tamén che aporta novas ideas. Ás veces collo un debuxo de Ayaso e penso «¿E eu que fago aquí agora?». Logo ao día seguinte xa sae algo. Traballamos ao unísono, pero por separado; obrigámonos dalgún xeito a superarnos mutuamente.

-En Culleredo teñen, ademais, a conexión con Carlos Pereira, autor de textos no catálogo.

-Si, Pereira [historiador municipal cullerdense] coñécenos aos dous en profundidade. Na primeira presentación fixo unha intervención moi bonita, esotérica, astral. El é un poeta e escritor marabilloso.

-¿É doado transmitir o que expoñen, o que crearon?

-Cando imos nós á exposición [á inauguración no Burgo só puido asistir Costa], xa procuramos explicarllo a todos os presentes, porque os propios artistas que acoden quedan alucinados: cústalles saber, nunha obra, onde remata un de nós e onde comeza o outro. É un crucigrama, un punto de cruz. Hai como unha maxia, tanto eu como Ayaso saímos de nós mesmos para unirnos ao outro, facemos algo xuntos que ningún de nós fariamos por separado.