«Compostela pode ter unha sala permanente de teatro galego»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

Alvaro Ballesteros

«As artes escénicas aquí non son unha industria», afirma

01 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Comezaron os ensaios de Touporroutou da lúa e do sol, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego coproducido con Teatro do Noroeste, a partir dun texto de Roberto Vidal Bolaño. Vai ser estreado o 4 de outubro no Salón Teatro, con tres semanas de sesións. O director Eduardo Alonso valora «moi interesante que haxa coproducións do Centro e compañías privadas, é unha fórmula para potenciar e estudar».

-¿Hai demanda para tantos días de teatro galego?

-Penso que si, Compostela podería ter unha sala permanente de teatro galego e hai precedentes a ter en moi conta. Acontece que iso, para prosperar, esixe un mínimo de apoio das institucións. Compostela e a súa zona de influencia xuntan uns 250.000 habitantes e si que se podería facer unha programación pensando en toda esa xente.

-¿Por que non se consolidaron as salas precedentes?

-Porque no proceso de construción do teatro profesional galego houbo dous erros moi graves: valorar que ser profesional e ter ánimo de lucro son similares; e considerar as artes escénicas como unha industria, que aquí non o son, aínda que quizá podan ter algo diso en Broadway. Canadá e Cataluña cometeron este último erro e rectificaron, aquí aínda o pagamos.

-¿Conseguiu o teatro profesional galego os seus obxectivos?

-Comezamos hai tres décadas e as aspiracións iniciais aínda están lonxe. A primeira metade da década de 1980 foi de construción do Centro Dramático Galego e outros proxectos; na segunda metade daquela década e na primeira de 1990 parecía que todo se conseguía; despois vivimos do que se tiña inventado; e a partir daí, neste século comezou a ser desmontado o que se tiña conseguido, sobre todo nos tres últimos anos.

-¿Notan tanto a crise?

-Si, estes tres últimos anos serán lembrados como horrorosos para as artes escénicas, e non sei se tamén para a cultura galega en xeral. Está a ser desmontado moito do construído e asentado nas décadas anteriores