«O negocio da lixivia fíxome un home, non necesitei aventuras»

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

FIRMAS

MARTINA MISER

25 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Santiago Tirado había tempo que non lle chamaba a prensa. Anos atrás, sobre todo na década dos noventa, falaba con ela a cotío a conta do seu cargo como alcalde de Cambados (PP), pero esa etapa pública pasou e hoxe atopámolo desfollando as parras na súa finca de San Miguel (Vilanova), xunto cos netos.

-Non lle sabiamos desta faceta agraria.

-Desde que deixei a alcaldía estou metido a viticultor. Somos socios de Martín Códax.

-¿Afección ou negocio?

-As dúas cousas.

-¿Tamén cultiva tinto? Non me diga que fai o viño

-Si, na casa da miña sogra.

-¿Ten moitas fincas?

-En total..., uns dez ferrados. Esta era da miña muller pero logo compramos outras. A miña capacidade para comprar veu da lejía. [Tirado prefire a acepción en castelán para referirse á lixivia].

-Cónteme iso.

-Foi un invento meu. Eu daquela daba clases particulares. Empecei dando clases de alfabetización para adultos, tiña que ir polas casas buscando alumnos, e conseguín un bo grupiño. Tiven tanto éxito que de noite daba as clases que me pagaba o Estado e polo día daba clases particulares, e así fun facendo uns cartos.

-¿E que ten que ver iso co negocio de venta de lixivia?

-Iso foi porque me cabreei. Un día chamoume un señor que había aquí moi rico para que lle dera clases particulares só ao seu neto durante todo o verán. Aprobou e díxome que lle dixera o prezo. Pedinlle 5.000 pesetas. Disque lle parecía moito, e non mas pagou. Collín tanta rabia que dixen ?non volvo a dar clases?, e foi cando se me ocorreu o da lejía. Como tiven moito tempo para pensar, porque estiven operado da columna, pensei que podía darse ben. Empeceille a dicir á xente que a lejía era velenosa e que podía mesturárselle coa comida se a traían na mesma bolsa da comida. Ofrecinme a venderlla e levarlla eu á casa, para non ter perigo. E a cousa prendeu. A lejía doume para estudar aos fillos e fíxome un home. Non necesitei aventuras nin cousas raras. Fixen unha casa e comprei un piso en Cambados.

-E nisto picoulle o bicho da política.

-Foi unha casualidade. Antonio Pillado -ex alcalde e ex conselleiro- era o meu amigo e pediume que lle botara unha man para montar a lista (AP), no 83. No 87 gañamos e eu ía de dous, e cando Pillado enfermou, quedei eu. Fun alcalde sen querer. Nunca me propuxera tal cousa. Tiña a vida estabilizada. De feito, cando cheguei á alcaldía púxenme de soldo o que cobraba de mestre, e cando dez anos despois volvín ao colexio atopeime coa sorpresa de que de mestre cobraba máis. A alcaldía aínda me custaba cartos, porque moitas veces invitaba eu á xente que viña ao Concello, cando había que ir tomar algo, para que non parecera que abusaba do cargo.

-Escoitarlle chama a atención nestes tempos nos que tanto se fala do enriquecemento a conta da política.

-Eu non cheguei a esta época. En Cambados, na miña época, non había corrupción.

-¿Como asiste a todas as novas que nos asaltan ultimamente sobre estes temas?

-Bastante sorprendido e incómodo porque a xente pensará que nós faciamos igual.

-¿Como leva o da política?

-Sigo sendo home do PP pero só o día que se vota. A min xa me chegou. Xa lle dediquei bastante tempo e sacrificios.

-¿Custoulle inimigos?

-Penso que non. A Paco Trigo [ex concelleiro do BNG en Cambados] xa lle fun pedir perdón por aquela expresión desagradable que lle dixen nun pleno. Tiña esa espiña cravada e un día que o vin acerqueime a el para dicirllo.

santiago tirado serén ex alcalde de Cambados e hoxe «unha persoa do común»

«Empecei dando clases a adultos e tiña que ir polas portas buscando aos alumnos»

«Sigo sendo home do PP pero só o día que se vota. A min xa me chegou»