«Ter un servizo de guía permite ver o dolmen con outros ollos »

Sara Martínez RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

Unhas seiscentas persoas visitan Axeitos cada semana

20 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ter un anaco de historia tan antigo na bisbarra é un privilexio. O dolmen de Axeitos é o veciño máis lonxevo do municipio ribeirense, xa que leva afincado nas súas terras seis milenios. A Deputación de A Coruña, que adquiriu o xacemento nos anos 80, puxo en marcha un servizo de visitas guiadas gratuíto, no que profesionais como Tania Rial Figueiras ofrecen aos visitantes una visión distinta desta construción histórica.

-¿As visitas guiadas están tendo boa acollida?

-Está vindo moita xente. Na fin de semana podemos chegar a ter máis de trescentos visitantes. O resto dos días anímanse a achegarse sobre oitenta persoas por xornada. Ter un servizo de guía permite ver o dolmen con outros ollos e moitos visitantes agradéceno. Hai unha minoría que prefire velo por libre pero non é moi frecuente.

-¿Que podemos ver durante estas visitas?

-Estas visitas guiadas céntranse no dolmen de Axeitos e en que a xente coñeza a historia destas construcións. Aquí podemos ver un dolmen que data do 4000-3600 antes de Cristo que supón un exemplo do esplendor do segundo momento do megalitismo. Explicámoslles cómo se construíu, o seu significado e a historia.

-¿Cal era a finalidade do dolmen de Axeitos?

-Polas súas características chegouse á conclusión de que no seu momento o dolmen empregábase para a realización de enterros colectivos. Esta teoría viuse apoiada polo descubrimento de enxovais funerarios compostos por puntas de frecha, restos de cerámica, pezas de decoración humana e boliñas de acibeche.

-¿Onde se poden atopar estes elementos?

-É necesario desprazarse ao castelo de San Antón, o museo arqueolóxico da Coruña. Alí tamén se atopan dúas pedras que estaban cravadas diante do corredor do dolmen. Son dous ídolos, xa que parecen representar de forma esquemática figuras antropomórficas.

-¿Os visitantes veñen informados sobre o que van ver?

-Os españois saben de que tipo de construción se trata pero non teñen información a maiores. Moitos europeos xa teñen máis coñecemento do que se van atopar, traen incluso guías.

-¿Que é o que máis lles impacta desta construción?

-O tamaño da cuberta. De feito, a pregunta máis frecuente que adoitan facer é como puideron subir a pedra ata aí. Isto tamén lles chama a atención porque os dolmens normalmente estaban soterrados, pero do de Axeitos podemos atopar escritos que falan del xa desenterrado no século XVII. Outra cousa que lles gusta moito é o entorno no que se encontra e sorpréndense polo ben conservado que está.

-¿Estase facendo algo para a súa conservación?

-Tratamos de manter limpo o entorno. É difícil coidar estas construcións do paso do tempo e dos danos da acción humana. A Deputación construíu este parque ao redor para gardalo.