«Doña Maruja», unha vida dedicada ao ensino no rural

Laura López A FONSAGRADA / LA VOZ

FIRMAS

Foto Manuel

Esta mestra xubilada da Fonsagrada fai memoria de como evolucionou a educación desde os anos cincuenta ata a chegada das novas tecnoloxías

19 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Nestes tempos nos que falar de educación no rural implica recortes por parte da Administración e loita por parte dos afectados, explicar o traballo ao que Maruja Abraira Sarceda -coñecida agarimosamente como doña Maruja- se dedicou case toda a súa vida ten más sentido ca nunca: o ensino no rural, concretamente, no municipio da Fonsagrada. Fala desta tarefa con devoción, porque só así se consegue cultivar coñecementos e valores nos cativos. E poucos coma ela teñen tanta autoridade para explicalo.

Maruja embarcouse nesta aventura da educación no ano 1956, con 21 anos, e xa non o deixou ata a xubilación. Este verán puido dar marcha atrás no tempo e atoparse de novo cos comezos viaxando á súa primeira escola. Foi en Eiros (parroquia de A Degolada, en Baleira, pero moi pegadiño a A Fonsagrada). Alí permaneceu durante oito felices anos que o tempo non conseguiu borrar do seu corazón. «A escola estaba na casa de don Manuel de Fumaior de Riba, que cedeu un cuarto para iso», explica Maruja.

Noite na Casa de Baixo

Ata alí ía andando desde o seu domicilio, en Paradavella (A Fonsagrada), a uns tres quilómetros: «Ía a pé, pero no inverno moitas veces era imposible, así que quedaba a cear e a durmir en Eiros, na Casa de Baixo, con Emérita López, Pepe Álvarez e os seus fillos», conta a mestra. Garda un grato recordo desta familia, de aí que o reencontro que tivo este verán coa filla deste matrimonio, Gloria, emocionase ás dúas mulleres, que se fundiron nun abrazo en canto se viron. Maruja non ten más que palabras de gratitude para a Casa de Baixo e recorda que era tamén nesta casa na que comían uns dez nenos da escola o bocadillo que traían da casa. Algúns mesmo quedaban a durmir se facía mal tempo, nesta ou noutras vivendas.

Cando chegou a Eiros tiña tan só 16 alumnos, pero ao final xa eran 27: «Só os fillos do matrimonio da Casa do Casiña eran xa 14», recorda Maruja.

Era unha escola unitaria en toda regra, con alumnos desde os 5 aos 14 anos na mesma aula, así que había que facer malabares para coordinar a clase e atendelos a todos: «Tíñame que enxeñar como podía, pero o básico que se facía a diario para todos era lectura, escritura, cálculo e cantar o mapa de todo o mundo. Logo, cada día da semana tocaba unha materia diferente, ciencias, matemáticas, relixión...», aclara Maruja.

E debía de ser eficiente, pois recibiu dous premios, os chamados «votos de graza» pola súa labor. «Naquela época a inspectora viña todos os anos, dona María Gasalla Domínguez, unha muller de moita vocación, rigorosa pero á vez de moi bo corazón. Pedíanos os libros de rexistro de asistencia e examinaba aos nenos para ver o que aprenderan. Un dos anos quedou moi gratamente sorprendida por un traballo que fixeran os nenos sobre a presa de Asuán, en Exipto», conta esta fonsagradina que hoxe en día reside no Padrón.

Concentración en 1973

Tras esta etapa, Maruja Abraira foi para Vilardongo, xa na Fonsagrada, onde pasou outros oitos anos. Desde alí destinárona á capital fonsagradina en 1973, ano no que se fixo a concentración escolar de varios centros.

Alí as cousas eran moi distintas: «Mellorouse moito, os nenos tiñan transporte e comedor escolar e cada idade ía soa», recorda. Ela foi mestra de primaria, de relixión, nunha época na que chegou a haber uns 800 alumnos -hoxe non chegan ao centenar-. Non foi a única novidade. Na Fonsagrada viviu cambios como a chegada das novas tecnoloxías ás aulas, «unha das cousas ás que máis me custou adaptarme», recoñece. Pero fíxoo, e mesmo foi xefa de estudos durante doce anos antes de ser directora do centro, posto co que chegou á xubilación. Varias xeracións de fonsagradinos pasaron polas súas aulas, de aí que o ensino no municipio non poida entenderse sen ela.

A diario, nenos de 5 a 14 anos, facían lectura, escritura, cálculo e cantaban o mapa do mundo

Un emigrante amante da cultura enviáballes libros cada semana desde Arxentina

Nos cincuenta e nos sesenta ía a pé á escola, pero no inverno quedaba a durmir cuns veciños