«Arraianos», un percorrido pola poética da fronteira

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Iván Dacal

Eloi Enciso presentou en Celanova o traballo rodado no Couto Mixto

19 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

No Curso de Medios Audiovisuais de Celanova participou onte, entre outros, Eloi Enciso. Logo do pase da multipremiada Arraianos, Enciso protagonizou un coloquio no que desvelou as claves do proxecto e diu resposta ás demandas dos alumnos do curso universitario. Eloi Enciso sinalou que andaba a preparar o seu segundo proxecto «e quería que fose un traballo na fronteira dos xéneros, entre o documental e a ficción» e foi daquela cando coñeceu a historia do Couto Mixto.

Botou case que cinco anos, en diferentes estadías e procesos de rodaxe, para crear Arraianos, un traballo no que non se fala do Couto Mixto como tal, aínda que «o protagonismo é a realidade da xente dos pobos da fronteira, o seu día a día, os cambios de estación e como muda a natureza. É a poética da fronteira e o tempo, a beleza e a importancia das pequenas grandes cousas». Como protagonistas contou cos veciños da zona e actores afeccionados de grupos de teatro de Porqueira e Xinzo -onde a cinta se proxectou na noite do mércores-. O director cre que a morea de premios que está a recibir en todo o mundo «radica na lectura universal que se fai dende a realidade local».

Dos Mestre Mateo á rede

Polo auditorio de Celanova pasaron onte, entre outros, Sonia Méndez (premio Mestre Mateo 2012 por Conversa cunha muller rota), o compositor Nani García e a produtora Chelo Loureiro (O xigante) e os creadores da serie para internet El Quid, Bruno Nieto e Raúl García. A serie online Angélica y Roberta tamén protagonizou un dos debates.