«Recollerei o premio cunha camiseta verde para defender o ensino público»

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

monica ferreirós

Ana Souto, alumna de Brión, ten un 9,9 de expediente de Bacharelato

13 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ana Souto ten 17 anos e as cousas moi claras. Esta rapaza de Brión é unha das estudantes galegas que acaba de conseguir un premio extraordinario polo seu expediente académico, que é de 9,9. Pero a cousa non quedou aí, xa que Ana chegou ao 13,79 sobre catorce coa selectividade. Despois de tan bos resultados, marchou o venres a Inglaterra cunha beca de tres semanas para seguir avanzando no inglés, unha lingua que domina despois dun ano de estancia en EE.UU. con outra beca.

-Moitos estudantes estaranse a preguntar cal é a fórmula...

-A min funcióname aproveitar ao máximo as clases no instituto e tomar apuntes para saber xa o que é importante. E despois, na casa, facer esquemas. Pero depende da materia.

-E supoño que tamén non deixar todo para o último día...

-Marcha para Inglaterra, pero xa estivo en Estados Unidos un ano. Semella que o seu son os idiomas. ¿Vai por ese camiño?

-Quero estudar Tradución porque me gustaría traballar no Parlamento europeo. Pero de non ser así tamén pensei en Filoloxía Inglesa ou Historia.

-Malia á súa xuventude, coa súas aventuras fóra terá unha visión máis ampla que os demais mozos sobre a crise económica e do que está a pasar.

-Eu considero que o goberno se está equivocando ao recortar en Educación e en Sanidade, porque o que se perde non se vai recuperar. Cando remate a crise, rapaces que agora están en primaria non van ter a mesma calidade educativa que tiven eu. O que teñen que facer é apostar por un ensino público de calidade e que todo o mundo poida acceder a el.

-Vendo o seu discurso, eu a imaxino negándolle a man ao ministro Wert. ¿Pareceulle ben ese xesto, ou pensa que foi de mala educación?

-Pareceume moi ben. De feito, a semana pasada estiven nunha entrega de diplomas polas notas de Selectividade e tiña ganas de levar unha camisa verde, pero non tiña ningunha. Pero cando sexa a cerimonia do premio extraordinario levarei unha camiseta verde en defensa do ensino público. Aínda non a conseguín pero estou no proceso.

-¿Tamén é unha militante do galego? ¿Cantas linguas fala?

-Tamén. Meus avós falábanme en galego e meus pais en castelán, pero non tiven ningún problema co galego na escola, primeiro en Bertamiráns e logo, dende os seis anos, en Brión. Gústanme todas as linguas, pero xeralmente falo galego.

-A unha defensora dos idiomas gustaralle a lectura. ¿Ten algún escritor preferido?

-Gustoume desde pequena Laura Gallego García. Teño todos os seus libros, incluso os infantís. E cheguei a ir a un evento no que asinaba libros. Tamén me gusta Carlos Ruíz Zafón e Isabel Allende. Pero o que si teño son libros preferidos.

-Iso define moito a unha persoa. Adiante...

-O meu libro preferido e O gran Gatsty e tamén O guardián entre o centeo.

-E que lle pareceu a película. ¿Di Caprio ou Robert Redford?

-A música da máis recento, un pouco decepcionante. Pegáballe máis o jazz ou o charlestón, pero é o estilo do seu director. O que si me gustou moito foi a perspectiva para contar a historia, dándolle moitísima importancia ao texto de Fitzgerald. Pero a versión clásica gústame moitísimo máis. De feito, cando estiven estudando nos EE.UU. a profesora púxonos a película e a min encantoume.

-Supoño que ler a Fitzgerald e Salinger na súa lingua ten que ser un luxo, e máis para alguén que é fan das linguas...

-A verdade e que é moi gratificante. Pero non so eses textos. Un libro no que o notei verdadeiramente foi en Huckleberry Finn, de Mark Twain, porque é onde aprecias o dialecto e a forma no que está escrito. As traducións son moi diferentes ás versións orixinais.

-¿E agocha algunha vocación literaria?

-Só afección. Gústame moito escribir, pero sobre todo artigos de opinión sobre cousas de actualidade. Empecei cando escoitei unhas declaracións sobre a igualdade de xénero que me impresionaron tanto que sentín a necesidade de compartilo. E despois escribín sobre a importancia dos idiomas, as becas Erasmus, a educación pública. E supoño que seguirei.