«O que podo contar con imaxes non o fago con palabras»

Alberto sánchez VIGO / LA VOZ

FIRMAS

ADRIAN SANTASMARINAS

Ilustra «Cartas de inverno», baseada na novela de Agustín Fernández Paz

04 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Antonio Seijas traballaba de cociñeiro nun restaurante xaponés ata que decidiu facer da súa paixón a súa profesión cando Un hombre feliz, a súa primeira novela gráfica, gañou o segundo Certame Castelao. Algunhas das súas pezas poden verse ata na televisión e chegou a facer un encargo para David Lynch. Agora presenta Cartas de inverno, baseada na novela de Agustín Fernández Paz, da que xa fixera a portada da vixésima edición.

-¿Como xurdiu o proxecto de Cartas de inverno?

-No II Certame Castelao de banda deseñada coincidín con Agustín Fernández Paz. Díxome que estaría moi contento de que fixera o cómic e deixoume liberdade para facer unha adaptación partindo da novela.

-¿Foi o Premio Isaac Díaz Pardo un impulso para a súa carreira?

-A importancia que lle dou é que é un premio que está concedido pola Asociación Galega de Editores. Para min é importante que os mesmos editores consideran que foi o mellor do ano.

-Na serie de televisión La que se avecina poden verse uns cadros seus, ¿como chegaron ata alí?

-A través de Facebook os directores da serie comentáronme que o director de arte quería cambiar algún decorado e se quería colgar algunha das miñas obras. Fíxome ilusión. Para a tempada que vén van ter outro mais.

-¿Como chegou o encargo de David Lynch?

-Un tempo antes fixera unha imaxe de Donovan para unha discográfica. Unha das persoas desa discográfica estaba traballando para unha das fundacións de David Lynch e comentoume que ían precisar uns logos e se quería axudar. Se teño tempo sempre me gusta facer cousas benéficas, ademais é un dos meus directores favoritos e tiven indicacións directas del mesmo.

-¿Ten pensado facer como Robert Crumb e recompilar nun libro todas as portadas de discos que fixo?

-Entre proxecto e proxecto a ver se saco tempo para autoeditar un libro mediante crowdfunding con algunhas das imaxes que publiquei e outras que quedaron fora por falta de espazo.

-¿Pensa que o material gráfico que acompaña ao disco é un bo recurso contra a piratería?

-Eu penso que si. Agora que está todo en soporte dixital, o soporte físico ten que ter un elemento diferenciador que o faga máis atractivo para o comprador. Non é o mesmo baixar unha canción que mercar un disco que teña un libreto, como o de Marillion, con case 100 páxinas cheas de ilustracións.

-Acostumado a traballar con ideas propias, ¿foi moi complexo o traballo a partir da novela Cartas de inverno?

-O proceso difícil é a adaptación. En Un home feliz fixen eu todo: o guión, os diálogos, a estrutura, as personaxes... Pero Cartas de Inverno, como está baseado nun libro, a xente pensa que é mais sinxelo, cando é ao revés, porque un libro non é un guión de banda deseñada. Ten outro ritmo, outra linguaxe, e o que poidas expresar a través das imaxes intentas non facelo a través da escrita.

antonio seijas debuxante