As orixes do san Xoán

ISOLINA LORENZO FERNÁNDEZ

FIRMAS

A noite máis curta e máxica do ano celébrase de moitas maneiras, segundo o lugar do mundo

28 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A noite de san Xoán celébrase en numerosos lugares de Europa, do Mediterráneo e de Sudamérica. Aquí celébrase a noite máis curta e máxica do ano, onde o lume e as fogueiras son as protagonistas desta celebración na honra de san Xoán Bautista.

Pero segundo o lugar do mundo, esta noite é coñecida e celebrada de moitas maneiras e dende moi antigo. Os homes da prehistoria logo comezaron a darse conta de que, a partir dun determinado momento, o sol perdía a súa forza e os días facíanse cada vez máis pequenos. Temeron que o sol non volvese saír máis e comezaron a celebrar os primeiros rituais de adoración ao sol.

Crese que as primeiras manifestacións aparecen ao redor do 5000 antes de Cristo, e que serían os celtas os iniciadores, aínda que non hai certeza disto. Na cultura celta, os druídas celebraban o Alban Heruin no solsticio de verán acendendo grandes fogueiras coas que se buscaba a beizón para as terras e os seus froitos, así como bos augurios para as parellas e fertilidade para as mulleres. Era unha cerimonia sagrada na que os druídas invocaban o poder do sol e os elementos da natureza.