Acento carballiñés en Xapón

Luis Manuel Rodríguez González
LUIS M. RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

CEDIDA

Traballa coa obra de escritores como Murakami ou Tanizaki

25 jun 2013 . Actualizado a las 14:27 h.

«O home rapado de estatura baixa estaba sentado fronte a Ushikawa na única mesa que había naquel gabinete, non demasiado amplo. O seu papel consistía en falar. O coletas gardaba silencio de principio a fin. Só ollaba a cara de Ushikawa sen facer ningún movemento». Son anacos do traballo de Gabriel Álvarez Martínez (O Carballiño, 1985), na tradución dun dos superventas de Haruki Murakami, en concreto da triloxía ?1Q84?.

O Manga foi o primeiro vehículo polo que este mozo ourensán se achegou á cultura xaponesa, un escenario tan poliédrico que pode acoller desde o código dos Samurais ás obras da nomeada Banda Deseñada e ata ir máis alá con ese xogo de roles que argalla a cromática moda do «cosplay».

Esa variedade de propostas é un dos sinais de identidade do emerxente Xapón e o mesmo Gabriel recoñécese atrapado por ela: «Xa levo aquí máis de dous anos e medio, para min é un soño feito realidade». Desde a súa chegada, asentouse en Kobe, unha cidade portuaria que define como tranquila, aínda que supera o millón e medio de habitantes.

A vida, de todos os xeitos, non é -nin moito menos- monótona para este carballiñés que aproveita o seu tempo no lonxano Oriente na súa máxima expresión. Ademais das horas que dedica ao máster que cursa na Universidade de Kobe, segue preparando o seu doutoramento na Facultade de Tradución da Universidade de Vigo e traballa nas traducións ao galego e o español das obras de Murakami e outros autores xaponeses como Yoshimoto Banana, Junichiro Tanizaki ou Ryunosuke Akutagawa.

«Durante a semana vou ás aulas na universidade e traballo no meu proxecto de investigación; dous días por semana fago un traballo a tempo parcial como tradutor e intérprete xaponés-español no Centro Comunitario Internacional de Kobe», relata Gabriel ao que tamén lle queda tempo para darlle renda solta a outra das súas paixóns, a música: «No tempo libre ensaio e dou pequenos concertos co meu grupo de rock, Park Queue, no que estamos eu, dous xaponeses, un coreano e un colombiano; eu toco a guitarra».

A gastronomía nipona foi outro dos encantos que seduciron ó carballiñés, máis aínda a medida que se aclimataba nunha das illas máis poboadas do mundo, chea tamén de notorias e interesantes paisaxes tanto arquitectócnicas como naturais: «Aproveito para viaxar e descubrir o país sempre que podo; teño unha chea de amigos, xaponeses e de moitos outros países e, a verdade é que nunca me aburro, nesta cidade sempre hai algo que facer, alén diso, Osaka que é outro mundo, está a menos de media hora en tren».

Gabriel aínda non decidiu o que vai facer nun futuro a medio prazo, pero a forma na que ve ese imperio onde din sae sol serviulle para facerse unha idea das moitas caras que pode ter este globalizado mundo: «O da mestura de modernidade e tradición soa a tópico e é probabelmente unha das respostas máis comúns entre as persoas nipófilas, mais é que é verdade: Ese sincretismo de tradicións, cultura e modernidade é un dos principais engados do país, ao meu ver».

gabriel álvarez martínez tradutor e intérprete