«A gaita tenme dado moitas alegrías e levoume polo mundo»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

Álvaro Ballesteros

Alexandre Cadarso firma a súa biografía persoal e musical

22 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Botou a gaita ao lombo aos catorce anos e xa non a deixou, foron o un para o outro. Juan Bello Mallou (Casas Novas, Santiago, 1925) é, por dereito propio, protagonista do libro que sobre a súa persoa e sobre a súa música presentou onte no pazo de Fonseca Alexandre Cadarso Suárez. «É un dos últimos gaiteiros que viviu a música tradicional como un feito natural -di o autor-, integrado na sociedade e que se facía pasar seguindo a cadea da transmisión oral».

-¿Como se atoparon a gaita e máis vostede?

-A afección chegoume de escoitar a un gaiteiro de aquí, das Casas Novas, ao que chamaban Pedrouso. E tamén polo meu tío, que era gaiteiro. Pero de profesión principal, eu era albanel.

-Nunha man a paleta e na outra o punteiro...

-Teño levado a radio para o choio para escoitar a misa do Padre Feijoo en galego. Desde ben neno, eu era escoitar unha gaita e ía alá onde soase.

-¿Bota de menos tocar?

-Agora si. Desde que me fixeron unha biopsia xa non podo soprar. Pero a gaita tenme dado moitas satisfaccións, percorrín moitos países, tres continentes: Europa, América e África.

-¿Cantos anos botou en Cantigas e Agarimos?

-Uns 55. Foi onde realmente aprendín música, antes medía mal as pezas. Viña Ricardo, que era clarinete na Banda Municipal, a ensinarnos a desenvolver as partituras.

-Porque vostede era gaiteiro de oído, logo...

-Así era. E para facer anotacións debuxaba un pentagrama á miña maneira, pintaba o Do abaixo de todo e, a partir del, poñía o resto das notas. Servíame para me guiar.

-¿A primeira gaita?

-Mercoulla miña nai a un tío meu, ao que chamaban Mera, era de Guadalupe. Era unha gaita de buxo de Carril vello, de Ramón, o pai de Basilio. Teño catro gaitas, algunhas de Seivane.

-Hai bos gaiteiros hoxe, moitos medios, bos mestres tamén e mellores instrumentos...

-Si que hai, si. Non é como era antes, que se vivía moi mal. Pero cando ías polas aldeas e chegaba o gaiteiro, a xente vibraba e dicía: «¡Xa chegaron os músicos!». Eramos os músicos.

juan bello mallou gaiteiro das casas novas