«Moitos dos compoñentes da agrupación son mariñeiros»

JULIA MORENO VIVEIRO / LA VOZ

FIRMAS

A nova formación composta por quince voces preséntase mañá

21 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Daniel Fernández Caxete é un viveirense cunha longa traxectoria musical. A súa última andaina como amante da música é presentar a agrupación de voces Sons de Celeiro, na que participan unhas quince persoas, incluído el mesmo. Será este sábado 22, mañá, na Casa do Forno en Celeiro, ás 20.30 horas. Trala súa actuación faranse unha serie de actividades folclóricas levadas a cabo polo grupo Penalta, que o retoma de novo. A iniciativa musical xurdiu por parte do Colectivo Chilindrín de Celeiro e do director de Penalba, e nun principio ía consistir nunha coral, pero Caxete non estaba «moi pola labor», di, pois o que tiñan pensado facer non seguía as liñas que caracterizaban un coro. Desta maneira defínense a si mesmos como unha «agrupación mixta de voces que cantan un repertorio variado con temática mariñeira, local.

-¿Quen forma o grupo de voces Sons de Celeiro?

-Somos unhas 18 pero na presentación seremos 15, é raro que esteamos os 18 ó completo, porque algúns traballan fóra, outros están no mar... O tema é que somos un grupo de voces composto por homes e mulleres de tódalas idades. Facemos o que nos gusta. Estamos abertos a recibir a calquera con vocación, non se lle pecha a porta a ninguén. Esta é unha labor cultural.

-¿Que teñen planeado para a presentación deste sábado?

-Pois será unha pequena mostra de quen somos e do que facemos, un concerto cun pequeno repertorio de oito ou nove temas, dous deles compostos por min, O barco e Eu son de Celeiro. A maioría teñen temática galega e van sobre o mar. Tamén haberá pezas versionadas, unha delas é unha homenaxe a Rosalía de Castro, polo 150 aniversario do seu libro Cantares Galegos, e para iso cantaremos de Fuxan os ventos. Tamén lembraremos outros poetas e galegos, como Luis Emilio Batallán, Álvaro Cunqueiro, Amancio Prado, Buxía... Serán cancións punteiras de Galicia. Temos pensado ademais cantar algo de mazurca canaria, valse...

-A temática mariñeira, ¿a que se debe?

-Moitos dos compoñentes da agrupación son mariñeiros. O tema principal é a revivencia do mar, a idiosincrasia do mariñeiro, do pobo de Celeiro, dos barcos que parten deste porto.

-¿Algún proxecto para o futuro?

-Este venres gravaremos co noso propio equipo de son un disco e faremos unha montaxe audiovisual coas cancións e con imaxes de barcos partindo de Celeiro, coa proa en dirección ó Ecce Homo. Quizais participemos nas misas das festas de Celeiro e dependendo da dispoñibilidade do grupo actuaremos en residencias ou clubs.