«Sen estabilidade, os científicos non poden pensar en ciencia»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

O investigador di que o caso de Diego Martínez púxolle cara aos recortes

26 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Carlos Alberto Salgado López (Monforte, 1971), profesor no departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago, coñece de primeira man o fío das tesoiras orzamentarias na ciencia. El foi investigador do programa Ramón y Cajal ata maio do ano pasado, cando rematou. Aínda que o seu proxecto para estudar e interpretar os resultados máis recentes do gran colisionador de hadróns de Xenebra (LHC) mereceu o financiamento do prestixioso programa europeo Starting Grants, durante nove meses continuou cun contrato temporal ata que accedeu á praza que ocupa agora, de contratado doutor. Praza, por certo, recorrida nos tribunais. Di Carlos que o tempo que os científicos de elite invisten hoxe en preocuparse de se terán nómina mañá é tempo que se lle resta á ciencia; ao progreso.

-O caso de Diego Martínez, o mellor físico novo de Europa que España rexeitou por ter un currículo «mediocre», ¿é sintomático de como tratamos aos científicos?

-Diego púxolles cara aos recortes en ciencia. O seu caso é, practicamente, cinematográfico: no mesmo día que lle negan a Ramón y Cajal, cun informe que non ten nin pés nin cabeza, danlle o premio. Se non houbese tantos recortes non tería pasado iso. O número de contratos Ramón y Cajal é moito menor que en anos anteriores, pero ese non é o verdadeiro problema.

-¿E logo?

-O verdadeiro problema é que os Ramón y Cajal que están rematando non se estabilizan. Suponse que é un programa de atracción e estabilización de persoal. Se fas un contrato de cinco anos e non estabilizas, desvirtúas completamente o programa, estás a facer outra cousa: ofertar prazas de investigador en precario. De todos os programas que se fixeron en España, o Ramón y Cajal ten sido, probablemente, o de máis éxito.

-¿A ciencia en España está peor que nunca?

-Se me preguntas por hai tres anos, diríache que estaba mellor que nunca. Había unha proxección internacional do que se estaba a facer. Metéronse cartos, creáronse estruturas, estabilizábase unha porcentaxe importantísima de investigadores. Pero quedamos un pouco a medias. Hoxe os recortes son bestiais. Fálase dun corenta por cento. Se cada ano saían unhas trescentas Ramón y Cajal, este ano saíron 175, pero o pasado ningunha. O dano que fas é terrible. Sen estabilidade, os científicos non poden pensar en ciencia, pensan noutras cousas. A min pasoume: acabei tendo o meu primeiro contrato indefinido case con 42 anos.

-¿Que pensa vostede? Os Gobernos que recortan en ciencia ¿non saben, non queren saber, non lles queda máis remedio?

-Mira o perfil dos presidentes do Goberno da democracia. ¿Hai científicos? Angela Merkel é doutora en Física. Non sei se é un problema ou non, pero é bastante sintomático.

-¿En Galicia vainos peor?

-Non creo. Un país pequeno como Galicia debería pensar no que quere ser de maior e tomar as decisións necesarias para chegar a iso. Finlandia tamén era moi minifundista e atrasada a primeiros do século XX, pero potenciaron moito máis a ciencia e deulles moi bo resultado. Non sei se é un problema ou non, pero a realidade é que a ciencia nunca está entre as prioridades dos Gobernos. E non hai que pensar que o que hai aquí é todo de segundo nivel, porque non é certo. O caso de Diego e moitos outros así o demostran. É bastante importante que a xente non só queira volver porque aquí ten á súa familia, senón porque as condicións laborais son boas.

nacho.miras@lavoz.es