«Xunto co Nikhef, tiña outras ofertas do Imperial College de Londres»

O físico focense non descarta formar un pequeno grupo de investigación


foz / la voz

O focense Diego Martínez Santos foi durante os últimos días o investigador máis solicitado polos medios de comunicación españois. Mentres a Sociedad Europea de Física o recoñecía como o mellor físico xoven de Europa, o Goberno lle negaba a posibilidade de retornar a España para continuar investigando cun contrato Ramón y Cajal.

-¿Que currículum hai que ter para optar a ser o mellor xoven físico experimental de Europa?

-Prémianse as contribucións salientables á física de partículas experimental feitas por persoas nacidas despois de 1978. No meu caso, o tribunal destacou tres das miñas contribucións ao experimento LHCb, especialmente o deseño e a posta en práctica da análise principal do mesmo.

-Para explicarllo ao público en xeral, ¿en que consiste o seu experimento LHCb?

-A física de partículas actual dispón dun modelo, chamado ?estándar?, que descrebe moi ben as observacións que se teñen feito nos aceleradores ata o día de hoxe. Pero dito modelo coxea noutros aspectos, por exemplo, non di nada sobre a gravidade, e tampouco dá explicación algunha a composición da materia escura. É dicir, para ter unha explicación máis completa do Universo, fan falla máis partículas das que están no modelo estándar. No CERN, agora mesmo, están a poñerse en práctica dous xeitos distintos de buscar novas partículas; ou por creación directa, ou polo seu efecto na mediación de certas desintegracións. O approach de LHCb é este segundo. En particular, os estudos polos que fun premiado estaban relacionados estreitamente coa posible existencia de máis dun boson de Higgs, e tamén con posibles explicacións para a composición da materia escura.

-Vostede ten un contrato de tres anos no Nikhef, ¿por que optou por este centro?

-É un centro de referencia en física de partículas. Cando rematei o meu contrato co CERN en 2012, contactáronme de Nikhef e comentáronme que estaban a buscar científicos para un contrato de postoc. Tiña outras ofertas, do Imperial College de Londres, por exemplo, pero ao final decanteime por Nikhef.

-¿Que significa para vostede o recoñecemento da Sociedad Europea de Física? ¿Ábrelle as portas?

-Eso dín. Unha posibilidade é preparar unha proposta para o European Research Council para formar un pequeno grupo de investigación.

-Se tivera ocasión de voltar a España para continuar traballando na súa especialidade, ¿onde lle gustaría facelo?

-Estaría ben poder voltar a Santiago. Unha vantaxe no noso campo é que, en colaboracións tan grandes, un pode traballar en boas condicións en moitos lugares de Europa.

-¿Festexaron con vostede en Holanda o recoñecemento da Sociedad Europea de Física?

-Agora mesmo non me atopo en Holanda, senon no CERN, en Suiza. Pero aínda así, seguro que en Nikhef o celebraron. En Ámsterdam, calquera excusa é boa para tomar unhas cervexas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Xunto co Nikhef, tiña outras ofertas do Imperial College de Londres»