«Ramón Cabanillas era, sobre todo, un home bondadoso»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

FIRMAS

monica ferreirós

Cre que o poeta está valorado «na esfera letrada» pero non polo pobo

16 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O presidente da Real Academia Galega, escritor e intelectual, Xesús Alonso Montero, recolle hoxe en Cambados o premio Ramón Cabanillas que conceden as librarías da localidade Ramón Cabanillas e Contos. Ademais de ser un gran coñecedor da obra do poeta da raza, a testemuña de Alonso Montero cobra especial valor dado que coñeceu persoalmente ao escritor cambadés, co cal chegou a manter un intenso intercambio epistolar. O acto vai ter lugar ás nove da noite no auditorio de A Xuventude e contará coa intervención do académico Francisco Fernández Rei e as actuacións do pianista Miguel Costas; a cantante Beatriz Vázquez Lorenzo; Xoán Silva, Blas e Xaquín Xesteira e os bailaríns do grupo Xironxa, Nacho e Isa.

-¿Como coñeceu a Ramón Cabanillas?

-Fun estudar Filosofía e Letras a Madrid do 48 ao 53. ¿Por que fun a Madrid sendo eu máis ou menos pobre? Miña nai dicía que unha pousada custa o mesmo aquí que alá, aínda que a viaxe si era máis cara. Desde Rivadavia a Madrid custaba 111 pesetas, en terceira, e con sorte ías sentado... A Cabanillas presentoumo Ven-cho-sey, que é o pseudónimo de Xosé Ramón Fernández Oxea, no café Lyon d?Or, que era un café de tertulia literaria moi importante. Alí estaban Cabanillas, Ven-Cho- Sei e tamén coñecín a Dionisio Gamallo, Tino Grandío, Díaz Pardo... por alí pasaban moitos galegos entre os que predominaban galeguistas e antifranquistas. E alí falei moitas veces con Ramón Cabanillas, porque vivía na casa dun fillo en Madrid, aínda que nos veráns ía á casa dunha filla a Barakaldo. A Cambados ía menos, non sendo nos seus últimos meses de vida.

-¿Que lle transmitiu o poeta cambadés?

-Era, sobre todo, un home que se vía que era fundamentalmente bondadoso. Recordo unha cousa que me impactou. Tiñámolo, con toda a razón, como un poeta fecundo, versátil, que traducía ao latín, que facía poesía amorosa, combativa, paisaxística... En todo caso, el tiña unha idea da súa poesía moi rigorosa e nos dicía que se algún día facíamos unha antoloxía da súa poesía, que non incluíramos mais dunha ducia. El daba a entender así que na vida dos poetas hai poemas de circunstancias, e que eses había que eliminalos. Logo recordo que os xoves eran especiais para el, porque eran os días que se celebraba sesión na Real Academia Española, e por cada reunión ganaba 25 pesetas. Ramón Cabanillas non andaba sobro de cartos e víñanlle moi ben. Nós, os novos, acompañabámolo moito daquela.

-¿Cre que está suficientemente recoñecida a súa obra literaria?

-Ultimamente publicáronse as súas poesías completas, que eu xa editara. O feito de que unha editorial comercial edite un moi groso volume coa súa poesía proba que na esfera letrada de Galicia aínda queda un recordo grande de Cabanillas. Desde outro punto de vista non está recoñecido porque hoxe ¿quen le poesía? Se un lle pregunta a un veciño en Cambados se leron a Cabanillas..., sería bo que fixeran esa enquisa.

-En Cambados non poderá deixar atrás a polémica que mantén estes días co BNG a conta do idioma galego. Un concelleiro do Bloque fixo un chamamento á xente para que hoxe non lle aplaudan durante o acto, ¿que opina?

-Supoño que ese señor debería facer os esforzos para que a lingua non só a falen e agarimen as persoas que están no seu campo político e cultural, porque Galicia é moito máis grande. Se el estivera comprometido a fondo coa lingua trataría que todos xuntos remásemos na mesma dirección.

Xesús Alonso Montero Premio Ramón Cabanillas en Cambados