«Todos construímos historia, non só os grandes personaxes»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CULLEREDO / LA VOZ

FIRMAS

CESAR QUIAN

Interésalle «todo» e sorprendeuno o grande pasado medieval do Burgo

29 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O tempo pasa rápido con Carlos Pereira Martínez (Montevideo, Uruguai, 1959). Abrollan fronte a el datas, lugares. Vinculado ao Concello de Culleredo dende 1983, aínda que con traballos que nada tiñan que ver coa súa tarefa actual, é dende 1998 o historiador dese municipio. Licenciado en Xeografía e Historia pola UNED, aprobou nese ano a oposición e fíxose coa praza. Pereira Martínez é referente e especialista na Orde do Temple nos reinos de Galicia e León, ademais de membro de diversas asociacións de estudos. Ten publicado máis dunha ducia de libros e dun cento de artigos. Non é tampouco alleo á música, nin á pintura e á poesía.

-Algo debe ter Culleredo...

-Acadei a praza nun tempo no que se trataba de potenciar o aspecto histórico deste concello. Existía a imaxe de que aquí non pasara nada, pero Culleredo non é anecdótico, nin dormitorio, ten unha historia importante. Xa tiña publicado algo, pero traballei para ir recuperándoa. Era un lugar estratéxico xeograficamente, único paso terrestre vindo de Madrid, pola ponte do Burgo, e único vindo de Santiago, por Vilaboa. Rexistrou episodios de acontecementos militares importantes: na invasión de Drake, na Guerra da Independencia, na revolución de 1846... Despois influirían tamén os seus vencellos coa cidade. Foise creando unha conciencia cidadá: en Culleredo merece a pena vivir pola súa historia.

-¿Canto tempo o fixo vostede?

-Dende 1966, cando cheguei con sete anos, ata o 1981. Entón casei e fun vivir para A Coruña, onde sigo. Pero, aínda sendo coruñés, a miña aldea a nivel sentimental, segue a ser Vilaboa. Aí aprendín a ler, medrei.

-O seu é traballo de paciencia...

-É. Miles de horas en arquivos e bibliotecas, rastrexando...

-¿Quedan cousas por contar?

-Fun publicando algo de todas as épocas, pero así como a medieval a teño bastante perfilada, na Idade Moderna si quedan cousas que se poidan descubrir.

-¿Algo que o sorprendese?

-¡O importantísimo pasado medieval do Burgo! No século XII, xunto con Allariz, era un dos poucos núcleos urbanos que había en en Galicia. Referidos a O Burgo atopei moitos documentos da época medieval e o principal dos templarios. Culleredo non era A Coruña, que aínda non existía. Segue a ter vestixios dese grande pasado medieval: ponte, muíños, igrexa...

-¿O día a día fai historia?

-Sobre isto ten habido correntes. Houbo séculos onde só existía a historia das grandes batallas e onde estaban ausentes os homes e mulleres normais. Outro tempo no que o importante eran os documentos. Importaría máis tarde a historia social, aludindo a que é o pobo o que fai a historia. Podemos falar tamén da historia das mentalidades, da historia de curta e longa duración, da historia das minorías... ¡E da historia das mulleres! Estiveron desaparecidas dela durante moito tempo: a metade da poboación do mundo, por tanto, non existía. Todos somos protagonistas da historia, todos a construímos, non só os grandes personaxes. Temos unha vida.

-¿Grades nomes en Culleredo?

-Máis que nacidos aquí, como Amparo López Jean ou, que aínda vivan, Pilar Pallarés, atopei moitos que pasaron tempadas: Sofía Casanova, a cantante de ópera Carolina Casanova, o pintor e xeneral Víctor Morelli, Ricardo Rodríguez Pastor, Pérez Lugín, os Suárez Ferrín, Juan Fernández Latorre... Son só algúns. Igrexa e aristocracia coruñesa facían aquí as súas quintas para veranear ou vivir un tempo. Pasou en Vilaboa, Almeiras...

Carlos pereira martínez historiador municipal de Culleredo