«A educación infantil é a gran esquecida na nova lei educativa»

Elena Larriba García
Elena Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

CAPOTILLO

A Fanpa de Pontevedra rexeita que se recorte a voz dos país nos consellos escolares

14 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Alberto Pita (Marín, 1975) é pai de dous nenos que estudan na escola pública e preside desde novembro do 2011 a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Pontevedra. A educación, xunto coa sanidade, está á cabeza das preocupacións da sociedade galega nun momento no que os servizos básicos están fortemente ameazados. As políticas educativas decepcionan especialmente aos pontevedreses, segundo a última enquisa de Sondaxe publicada por La Voz de Galicia. Os recortes aplicados ou por aplicar e o horizonte que debuxa a nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) ofrecen un panorama desolador que Pita repasa nesta entrevista.

-¿Pontevedra vive con máis inquedanza que outras cidades galegas as novas políticas educativas?

-Non sei se as vive con especial inquedanza. Quizais o que si temos na Fanpa é unha forte comunicación con Confapa e Ceapa, con representación propia nos consellos escolares de Galicia e do Estado, e iso lévanos a ter unha visión crítica de todas as políticas educativas porque precisamos que os pais teñan voz propia na redacción das leis que lles afectan. Pero aquí non se fai moito máis ruído que en A Coruña ou en Lugo.

-¿As Anpa están máis implicadas que nunca na defensa do ensino público?

-O pasado febreiro tivemos a única folga de pais que houbo na historia da democracia. En Pontevedra, a verdade é que eu era moi escéptico con esa folga, e sorprendeume a grande participación dos centros, cun seguimento de preto do 98 %.

-O curso empezou convulso e parece que acabará con outra folga.

-O curso foi como se esperaba e grazas a Deus houbo un atraso na lei Wert, que agora mesmo non sabemos como está o seu trámite. Temémonos que a finais de maio teña entrada no Parlamento para o seu debate. É unha lei promovida por un partido político sen consenso, en absoluto. Si hai un consenso xeral na poboación de dicir non a esa lei. O que nós estamos a esperar é a ver se as presión dan resultado, se se fai un estudo rigoroso da documentación aportada e atrásase a súa aprobación.

-¿Como sofren os centros os recorte xa aplicados?

-Sufrímolos en profesorado, sufrímolos en instalacións... Cada vez fanse menos reformas, menos obras necesarias. Mesmo nas calefaccións, os presupostos están cortadiños. Estase a traducir en menos profesionais especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e en Audición e Linguaxe (AL), que antes estaban adscritos a un centro e agora están compartidos por varios centros, tendo que desprazarse ao mellor 20 quilómetros para estar media mañá nun e media mañá noutro. Ou en dar materias que non son da súa especialidade.

-Tamén na rebaixa das axudas aos libros de texto.

-Iso xa o estamos sufrindo dende o ano pasado. A gratuidade sempre foi unha inquedanza dos pais e nunca tivo unha repercusión real nas políticas educativas. As Anpa estamos a suplir eses recortes con bancos de libros e tamén de roupa.

-Entre os recortes por aplicar está o copago dos comedores, ¿Os que vostedes xestionan pasarán a rede da Xunta?

-Non o sabemos. Estamos a facer unha enquisa entre os usuarios para ver como afectaría ás familias a entrada na rede de comedores xestionados pola Xunta. Agora, sen subvención da Xunta, o máximo que os pais están a pagar son 3,68 euros por menú. Cos comedores xestionados pola Xunta o máximo serían 4,50. Tamén é certo que habería unha maior parte da poboación que o tería gratuíto. Con Fanpa a gratuidade rolda o 10 % (subvencionados polo Concello) e despois nós temos entre 46 e 48 becados. Pero se nós subimos o prezo a 4,50, tamén podemos darlle a gratuidade a máis e elevar ese 10 % ao 35 %, roldando os valores da Xunta. Non sei. Se negociamos coas empresas un prezo de 3,68 e sacan beneficio, daranlle un prezo mellor á Xunta. Parece que queren que uns paguen o seu menú e o dos outros.

-¿Temen que o copago se estenda ao transporte?

-Sería outro revés. Creo que van buscar outra fórmula. Falo de oídas. Pode que pretendan que os pais que elixan un centro fóra do seu ámbito, non teñan acceso aos servizos complementarios, nin comedor nin transporte escolar. Por exemplo, un pai que viva en Vigo e traballe en Pontevedra e lle resulte máis cómodo ter o neno nun centro na capital.

-¿Na convocatoria de docentes para o próximo curso seguen a notarse os recortes?

-Levamos xa catro anos reducindo profesorado. Isto non é de agora. Esta nova convocatoria cremos que cubrirá o 10 % das xubilacións e das baixas.

-Xa está aberto o prazo para admisión de novos alumnos e hai polémica co pago do certificado de empadroamento.

-Hai un cambio na documentación solicitada que tradúcese en que os pais teñen que pagar o certificado de empadroamento. A Xunta quere ir adaptándose ao que pode ser a nova Lei de Educación. Se está entregando aos centros uns novos baremos para a matrícula dos novos alumnos, que deixa un punto á liberdade dos centros.

-¿A invalidación dos concertos con centros que separan por sexos era obvia para vostedes?

-A educación diferenciada é inconstitucional. Non entendemos sequera como, non habendo déficit de prazas, se entrou en concerto con este tipo de centros. Pero se se aproba a Lomce, si se podería facer segregación por sexo.

-¿ A sentenza sobre o decreto do galego tamén era esperada?

-Fanpa Pontevedra apoia o ensino en galego porque somos membros da Rede de Amigos da Lingua e promovemos o uso do galego en todos os ámbitos. Ben e certo que pode haber unha maioría da clase que fala castelán ou outros idiomas. Temos casos que son unha ONU en pequeniño. O mínimo, o legal, de materias hai que dalas en galego.

-Socialmente, a Lomce considérase un ataque ao sistema educativo ¿Que se esconde detrás desta lei?

-Primeiro, ideoloxía. Beneficia á educación privada en detrimento da pública. Non reflicte as inquietudes e demandas da comunidade educativa. A educación infantil é a gran esquecida. De 0 a 3 anos segue sen existir no ámbito da educación e de 3 a 6 tamén segue dependendo do Benestar Social, non de Educación, polo tanto non é obrigatoria. Quita autoridade aos profesores. Dificulta aos alumnos da ESO a posibilidade de acceder a cursos superiores coa reválida, para trasladalos á FP e fabricar man de obra barata. Recorta a voz dos pais na educación dos seus fillos ao perder os consellos escolares a capacidade decisoria para converterse en órganos consultivos. Converte aos directores en xerentes e promove centros de primeira e de segunda con máis ou menos presuposto en función dos seus resultados. O rexeitamento social a esta lei é tal que está abocada a un novo cambio no futuro. Fagamos dunha vez unha lei de consenso que perdure.

alberto pita castelo presidente da federación provincial de asociacións de nais e pais

«Se negociamos o comedor a 3,68 euros, a Xunta pode melloralo»

«O copago do uso do transporte escolar sería outro revés para nós»