«Se Vigo queda fóra dos portos nodais sería un desleixo político»

Invoca a unidade de acción e rexeita carreiras para facerse a foto


vigo / la voz

É a única deputada do BNG en Europa, o que obriga a Ana Miranda a multiplicarse para tratar de estar ao cabo da rúa de tódolos asuntos que afecten a Galicia. Igual intervén cando se negocian os prezos do leite que cando hai que defender as cotas de pesca. Unha das últimas tarefas que se propuxo -e superou- foi convencer aos 58 compañeiros de Verdes-ALE, cos que comparte grupo, de que a Vigo lle sobran argumentos para formar parte da rede de portos nodais de Europa. «Garantizo 59 votos, non sei se todos os grupos poden dicir o mesmo», afirma.

-¿Que posibilidades reais hai de que Bruxelas inclúa a Vigo na nómina de portos de primeira?

-Non vai ser fácil, pero hai que pelexalo. Vexo poucas posibilidades, pero non é imposible. Hai que intentalo todo, todo, todo.Acaban de abrirse os trílogos [reunións entre Parlamento, Comisión e Consello], e tanto o noso grupo como o PP e o PSOE están pedindo que o inclúan.

-Parece que populares e socialistas están a competir por ver quen defende máis a Vigo.

-Os dous quedaron en evidencia no seu momento. O PSOE porque esqueceu incluilo no 2011 e o PP porque cando tivo oportunidade de votalo preferiu sumar os seus votos á candidatura de Tenerife. Pero agora o que importan non son as carreiras por ver quen se fai co trofeo, o que importa é que Vigo estea, e como o Goberno non se mova imos chegar ao plenario e o plenario non é doado de gañar.

-Vostede di que ten 59 votos. PSOE e PP garanten polo menos 40 cada un...

-Non son suficientes. Terán que convencer, como fixen eu, a compañeiros de grupo de outros países. Precísanse 380 votos e apenas temos cento e pico.

-¿Que suporía para Vigo quedar fóra da Rede Europea?

-Para empezar, diñeiro, pero sobre todo imaxe. No primeiro caso, a diferenza é que teñamos un financiamento do 85 % dos fondos antes do 2030 ou, polo contrario, que teñamos que esperar ata o 2050 e só o 15 %, que vaia todo a Tenerife, a Coruña... E no segundo, supón que o resto de Europa sexa capaz de situar a Vigo no mapa no lugar que lle corresponde por xustiza, porque argumentos para ser de primeira, sobranlle.

-Pero en Bruxelas non os ven.

-Porque os portos nodais están pensados en clave de movemento de mercancía e a pesca non se considera tal. Estamos loitando para que iso se cambie. De feito, cando tivemos a reunión con Ana Pastor había algún, incluídos membros do PSOE, que dixo a que a pesca non ten que ser relevante. Expliqueilles que para nos é moi relevante, que vive dela prácticamente todo un país.

-¿E recordoulles que o 15 % da pesca que se consume en Europa pasa por Vigo?

-Fíxeno, pero falta presión política e recoñecemento de que a pesca é unha industria coma outra calquera e, por tanto, se é unha industria tamén ten que ser considerada unha mercancía. Pero Vigo non só é importante en pesca, tamén o é en graneis, automoción, minerais, azúcre, gas...

-¿Servirá de algo o peche de filas que fixeron os usuarios, ademais do Concello, CEP ou a Cámara de Comercio coa Autoridade Portuaria?

-Serve como apoio social e empresarial, pero onde hai que moverse é no plano institucional, no Parlamento e no Consello. O Estado ten que facer presión. Iso sí, estivo ben unirse desde o punto de vista de xuntar esforzos. Desgrazadamente, fíxose un pouco tarde e, sobre todo, non hai que perder de vista que é no plano lexislativo onde hai que facer forza en Bruselas. Xógase en planos distintos.

-Polo que conta, a pelota está no tellado de Pastor e de Rajoy.

-É moi importante o que fagan na Comisión e no Consello para convencer a unha maioría dos 26 países restantes, pero por agora a súas xestións non están tendo éxito. Nos trílogos informais non funcionou a presión. A presidencia irlandesa é reticente a facer novas inclusións porque iso supon repartir máis o financiamento. Faltan aínda dúas reunións do trílogo, a última en maio e aí quedará fixada a posición das redes transeuropeas. O plenario vai ser a última oportunidade.

-¿Que pasaría se, finalmente, queda fóra ata o 2050?

-Que quedaría fóra dos investimentos e que tería que esperar á seguinte reforma despois do 2020. Entón poderíamos volver plantexar que Vigo sexa nodal, pero iso significaría que teríamos que competir con portos que van moito máis avanzados. Significa un desleixo político, deixar a cidade fora da primeira división inxustamente. Significa unha gran decepción para a cidadanía viguesa. Dende logo, para min, como política, significa unha gran depeción.

-A esperanza é o último que se perde.

-Eu non tiro a toalla, aínda que teña que falar un por un cos 754 membros do Parlamento. De feito convencín a 58 verdes e a maioría non sabían onde quedaba Vigo.

Ana Miranda eurodeputada del BNG

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Se Vigo queda fóra dos portos nodais sería un desleixo político»