«Sempre lles dicimos aos pais que os nenos non veñan aquí como castigo»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

O centro educativo celebra hoxe unha xornada de portas abertas

23 mar 2013 . Actualizado a las 14:10 h.

Pablo César González Carballo (A Forxa, Porqueira, 1969) dirixe o Seminario Menor, que hoxe vivirá unha xornada vocacional destinada aos nenos. Cando tiña dez anos, comezou a estudar no centro, e foron pasando os cursos ata facer Estudos Eclesiásticos no Seminario Maior. Pasou un ano como diácono en Fátima, outro rotando por parroquias da Limia, fixo o servizo militar en Marín e xa leva 17 anos traballando no Menor, primeiro como formador e dende hai quince anos na dirección.

-¿Como vai ser este día?

-Pois unha xornada de portas abertas. Dende fora, ao ser internado, hai unha idea quizás algo distorsionada do que é o Seminario Menor. Os nenos verán que aquí os estudantes séntense moi a gusto, que teñen clases e moitas actividades, desde deporte diario ata música e informática. Van ver que os rapaces que viven e estudan aquí teñen moitas posibilidades nun bo ambiente.

-¿Cantos alumnos teñen?

-Aquí viven e estudan 52 dos catro cursos de ESO e os de Bachalerato, dos que seis estudan segundo curso no Seminario Maior. Temos o Bachalerato de Ciencias da Saúde e o de Humanidades. É un dos seminarios menores con máis nenos en España.