Pecados sen penitencia

FIRMAS

Oque acontece coa nave de servizos da confraría de Vilanova ou a estación marítima non son, tristemente, casos illados. Abondan exemplos por toda Galicia sobre moles de cemento que se ergueron a conta dos cartos públicos que non serven para nada. E así temos en Catoira un macro edificio feito para acoller un auditorio e un centro de día que está practicamente baleiro e que, por riba, endebedou as arcas locais. ¿Falta de previsión, malgasto, luxos asiáticos...? A estas alturas da película de nada serve laiarse do que puido ter sido en non foi, do que se fixo mal e se deixou de facer. Pero como o dereito a indignarse aínda é gratis, o que che pide o corpo ante casos como estes é, primeiro, desafogar, no bar ou no salón da casa, e logo buscar responsables. Pero nunca aparecen. Os que tiñan que render e pedir contas desde a Administración e os partidos políticos calan. ¿Quen está libre de pecado como para tirar a primeira pedra?