«Confío en que pronto o Coliseo Noela volverá a abrir as portas»

néstor sieira RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

cedida

A pintora noiesa leva máis de vinte anos dedicada á arte do gravado, pero asegura que segue aprendendo cada día

01 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Nacida no Ézaro, Ana Cambeiro pasa por ser unha das artistas máis reputadas da comarca. Leva case vinte anos dedicada á arte, dende que no 1994 tomara contacto co pintor e gravador Alfonso Costa. Ademais da súa destacada labor na arte do gravado, ven colaborando como ilustradora en libros e revistas culturais. Fai un par de semanas foi galardoada no cuarto certame dos premios Atlante, co galardón Barbanza-Ría de Arousa.

-¿Como comezou a dedicarse a isto da arte?

-Pois dunha forma totalmente circunstancial, cando me trasladei a vivir a Noia, ¡e diso fai xa mais de vinte anos! Como decia Peteiro, «si fuese militar ya seria general».

-¿Que razóns a empuxaron ao mundo da arte?

-A razón máis importante e definitiva foi coñecer a Alfonso Costa, el como profesor ensinoume a técnica do gravado, a paixón polo arte, a disciplina? e a crer en min.

-¿É utópico ou cre posible gañarse a vida nesta profesión?

-Hoxe é difícil gañarse a vida, dedíqueste ao que te dediques, a arte non é nin máis nin menos que outra profesión.

-Vostede é unha artista plástica pero sobre todo destaca pola sua produción de gravados. ¿Goza de saúde o gravado?

-Si, penso que é un bo momento para o gravado, ao ser unha obra seriada ten un prezo moi accesible, de feito hai galerías que están a subsistir ca obra gráfica.

-E a arte galega en xeral, ¿como valora a situación do panorama artístico galego?

-Nunca entendín o de «arte galego», un artista é bo, malo ou mediocre tanto se é galego, catalán ou sueco. E velo agora no premio de gravado Atlante, que é internacional, onde se presentaron 23 países, o que se valora é a obra, non a denominación de orixe.

-¿Como define a súa arte?

-Unha vez Eva Veiga dixo dunha obra miña que «había gravado un sentimento», creo que foi a definición máis acertada do meu traballo. Se xa partimos de que a arte é unha forma de expresión.

-¿Cales son os seus obxectivos artísticos?

-Seguir traballando, aprendendo, investigando con técnicas novas, e gozando á par que sufrindo cando as cousas non saen como un quere que saian.

-¿E os seus referentes artísticos?

-Artistas os que admiro son moitísimos. A maioría é xente próxima e amigos. Alfonso Costa, Quintana Martelo e Ayaso. Pero tamén sinto un gran respeto por Chillida, Vicente Arnás, Miguel Condé, Michael Goro, Durero, Tapies, Antonio López?

-Algún proxecto no que estea a traballar e do que nos poida falar...

- Deixémolo en seguir traballando con ilusión.

-¿Como valora o peche do Coliseo Noela, así como a campaña veciñal co fin de lograr a súa apertura?

-Non acepto o de peche. Quero pensar, e estou convencida, de que é un descanso por reformas. Non estamos nun momento económico que nos permita crear obra pública, pero si estamos na obriga de conservar o patrimonio, confío en que pronto o Coliseo Noela volverá a abrir as portas.

ANA CAMBEIRO cAMBEIRO artista