Juanillo, un toureiro nos Peares

Rodrigo Fernández
ROI FERNÁNDEZ CHANTADA / LA VOZ

FIRMAS

Juan González tuvo vida efímera como matador e chea de aventuras

24 feb 2013 . Actualizado a las 13:55 h.

Papelle é una pequena aldea do concello de Carballedo; orientada ao nacente na ladeira do Miño e coa senlleira característica da arquitectura da lousa dese tramo do canón do río dende Nogueira até Oleiros pola marxe dereita e dende Ribeiras de Miño até Pombeiro pola esquerda. Un de tantos lugares nos que a vida dos seus habitantes, adaptada a unha existencia marcada polas tarefas do agro, sen cambios durante séculos, foi alterada pola chamada da prosperidade e a fartura doutro continente, para así abandonar o tedio agrícola. Non sabemos en que dirección saíu un día desa aldea Juan González Vázquez. Pero si que tiña 19 anos e que emigraba a Bos Aires. A estación dos Peares está a escasos tres quilómetros río abaixo de Papelle, pero non é seguro que marchase por aí, pois saíu rumbo á Arxentina dende o porto da Coruña. Era 1908 e comezaba Juan unha etapa da súa vida cargada de aventuras pasando por unha fama efémera de toureiro.

«Juanillo de Peares, nombre de cartel de un torero a quien la fama y la fortuna no siguió, porque Dios no lo quiso, que en su debut en la plaza de Orense, años ha, ganó con la primera estocada las dos orejas y el rabo de un Mihura, no era de Peares, sino de Carballedo, y lo sigue siendo con el nombre de pila: Juan González, de Papelle».

«É mellor que fales co fillo»

Con esta copia dun artigo de El Pueblo Gallego 1928, diríxome a Papelle. Valéndome desta documentación vou máis tranquilo para cando toque preguntar a algún paisano se por esas terras houbo un toureiro. Aínda así espero a sorpresa dos dous paisanos que atopo falando na estrada; e espétolles a pregunta. «Si, si houbo, pero é mellor que fales co fillo que é o de esa casa de aí, onde está o Land Rover, agora hache estar traballando nunha viña por aí abaixo», me din.

A sorpresa foi para min ao escoitar esta resposta. Pensaba que ía voltar con máis pena que gloria e conformábame con facer unha foto da aldea para ilustrar esta reportaxe. Juan José González Rodríguez é home de falar. Ás portas dos oitenta anos, ten boa forma física e moi boa memoria para as lembranzas do seu pai. Conta as cousas coas mesmas verbas do matador. Da etapa de toureiro do seu pai ademais dos recordos que el lle contaba, só conserva dúas cousas: un retrato co traxe de luces e o estoque. «Foron as únicas cousas que o meu pai quixo conservar da súa vida de toureiro, o traxe e o demais vendeuno», sinala.

O primeiro emprego de Juan na capital arxentina é de cobrador da compañía de tranvías Cros, pero só durante uns meses e para poder facerse condutor de automóbil. Así conseguiu un traballo como chofer do arcebispo de Bos Aires, Mariano Antonio Espinosa. Nunha ocasión tivo que levar ao cardeal Pacelli, o que máis tarde sería o papa Pío XII. Con este traballo estivo uns cinco anos, até unha primeira viaxe de visita á súa aldea.

De volta a Bos Aires seguiu viaxando polo continente até Montevideo, unha escala que o levou á cidade brasileira de Santos, para acabar na illa de Cuba, onde se deu conta que os oficios que triunfaban eran os relacionados coa mecánica. E de Cuba a México, e foi aquí onde coñeceu ao personaxe que o ía achegar ao mundo dos touros.

Cidade de México

Miguel Freg, famoso toureiro oriundo de Cidade de México, debutou nunha corrida a que asistía Juan. Freg tiña dous irmáns tamén toureiros, Luis e Salvador. Ese día, un deles puña as banderillas, conta o fillo de Juan. «Quen estaba poñendo as banderillas era un irmán de Miguel, o máis chaparrito como dicía o meu pai, e el, que entendía algo dos animais, deuse conta de que o touro que se lidiaba levantaba un pitón, e foi quen de avisar ao banderilleiro cerca do burladeiro: ?¡Cuidado con el pitón del lado derecho!? O toureiro preguntoulle se tamén el o era e díxolle meu pai: ?¡Ya me gustaría!».

Nese momento ao intentar cravar as banderillas o animal sacudiu o pitón e por pouco sae mal parado o mexicano que se deu conta da advertencia prudente de Juan: «Pues espéreme a la salida». Ao acabar a corrida falaron entre eles e Juan conseguiu as súas primeiras clases de toreo.