«De existir a reencarnación, gustaríame volver ser mestre»

xerardo afrafoxo

FIRMAS

Natural de Cenlle, é persoa moi coñecida e respectada en Barbanza

21 mar 2013 . Actualizado a las 15:07 h.

Este mestre é un dos investigadores máis prolíficos de Galicia. No seu haber conta con numerosas publicacións sobre a nosa terra. Clodio González Pérez naceu en Cenlle, un concello da comarca do Ribeiro, pero é unha persoa moi coñecida e respectada dentro da cultura da Barbanza

-Cando empezaches a publicar?

-Os primeiros artigos saíron nunha revista de Vigo en 1965, aínda non tiña 18 anos; e polo que atinxe a libros, foi o folleto Tierra del Condado, sobre a comarca de Ponteareas, en 1969.

-Ao redor de cantos libros tes publicado?

-Entre os meus e os sacados en colaboración con outros autores, sobre 125. Ademais, teño 545 traballos en revistas e sobre mil artigos en xornais

-De que artigos estás máis orgulloso?

-Os da serie Cultura Popular do suplemento La Voz de la Escuela de La Voz de Galicia, publicados entre 1983 e 1988. Foron moi ben acollidos polos ensinantes e ademais galardoados co premio de prensa do Ministerio de Cultura do certame Artes e Tradicións Populares en 1984, 1985, 1986 e 1987, e iso que todos estaban en galego.

-Outros premios?

-O primeiro foi o de historia de Ponteareas en 1983, e logo os de investigación da Deputación de Pontevedra, pola Festa dos maios (1987), e a produción tradicional do ferro en Galicia (1992); a Coruxa de honra de 1999 do Museo do Humor de Fene polas publicacións sobre o noso humor gráfico; o de investigación da Deputación de Ourense por un estudo das varandas de ferro dos corredores e balcóns do Ribeiro (2008), etcétera. Outro a ter en conta foi o do libro colectivo O Ribeiro. O viño da cultura. A cultura do viño, galardoado co premio á mellor obra publicada no mundo sobre o viño en 2001.

-Cales son as materias coas que te desenvolves mellor?

-A historia e a etnografía.

-Últimos traballos que saíron á luz?

-O libro da pesca da lamprea no río Tambre, con Manuel Ces, en 2010, e o de Fermín Bouza Brey como xuíz e galeguista, en 2011.

-Que relación tes co Instituto P. Sarmiento e co Consello da Cultura Galega?

-Co primeiro xa ningunha. Fun da sección de Etnografía dende 1979 e secretario ata a extinción. Desta época son as publicacións sobre os Ancares, en colaboración con Xosé Manuel González Reboredo, e tamén o libro da siderurxia tradicional galega. Polo que atinxe ao Consello da Cultura Galega, son membro da Comisión de Antropoloxía Cultural dende 1986. Tamén con González Reboredo e outros investigadores proseguimos os estudos dos Ancares na parte leonesa e no Val de Fornela, lindeiro con Asturias, ata onde chega a isoglosa do galego.

-E co Museo do Pobo Galego?

-Son socio dende 1976, antes de que abrise ao público, formando parte dende 1978 da sección de Arte Popular, e como patrón dende 1984. Tamén fun secretario da Xunta Rectora varios anos. Colaboro en todo canto podo: actos, congresos, publicacións, etcétera.

-Fixeches algún traballo vinculado coa Barbanza e terras lindeiras?

-En 1990 publiquei a historia do concello de Rois. A primeira obra sobre Noia foron uns apuntamentos dun erudito pontevedrés do século XIX, e dende o 2000 colaboro co Grupo Filatélico. Hai un libro do que me sinto moi orgulloso, o dedicado á igrexa e cemiterio de Santa María a Nova, no que tamén colaborou Suso Xogaina. Ademais tamén teño publicacións sobre os concellos de Lousame e Porto do Son. Do segundo fixen a biografía dun fillo ilustre: Román Martínez de Montaos, un personaxe importantísimo no paso da economía do Antigo Réxime ao sistema liberal, con moita influencia nas Cortes de Cádiz. O último libro foi o da lamprea do Tambre, con Manuel Ces. Ademais teño traballos sobre os cruceiros de capela de Ribeira, Rianxo, Dodro, algún de Boiro, etcétera.

-Problemas para investigar na actualidade.

-Hainos de dous tipos: económicos e de interese. Os primeiros aféctanlles ás persoas que viven da investigación, e os segundos a aquelas que, dispoñendo de medios e coñecementos non se dedican a este fermoso labor. Eu fixen a inmensa maioría das publicacións sen ningunha axuda, non máis que polo pracer de coñecer o noso pasado, a semellanza dos homes do Seminario de Estudos Galegos (Castelao, Risco, Filgueira Valverde, Fraguas, Xaquín Lorenzo?)

-Con que estás agora?

-Seguindo un consello dun finado mestre, don Xosé Filgueira Valverde, adoito andar con varios traballos á vez, de xeito que cando me canso dun paso ao outro.

-Que recordos gardas como mestre?

-Moitos e bos e, en particular, do colexio de Urdilde, onde botei 35 anos. De existir a reencarnación, gustaríame volver ser mestre e estar onde pasei máis da metade da viña vida.

Polas súas amables palabras e fecundos estudos en diversas materias, sen dúbida, conversamos cun dos persoeiros máis importantes da cultura galega. Un exemplo de mestre e tamén un admirado e prolífico investigador. Que dentro de moitos anos lle dediquen o Día das Letras Galegas!

ILUSTRACIÓN leandro