Barbanza xogou un papel fundamental na alimentación peninsular

Produtos como o millo e algúns cítricos implantáronse primeiro na nosa comarca


A historia gastronómica de Galicia está aínda en boa medida por estudar. Existe toda unha serie de traballos históricos, como os de Murguía, Bouza Brey, Antonio Meijide, ou máis recentemente Xan Carmona ou Xavier Castro, pero moitos aspectos seguen, polo de agora, pendentes de estudo. Debido a estas circunstancias é relativamente frecuente que, aínda hoxe, nos atopemos con datos concretos que aos poucos van modificando o que sabemos sobre a nosa historia alimentaria.

Entrando no caso do Barbanza, atopamos referencias fundamentais para o estudo de diferentes cultivos que co paso do tempo modificarían dun xeito claro a forma de alimentarse en Galicia. Seguramente o caso máis significativo é o do millo, cultivo que chegou de América a Sevilla arredor de 1550, pero que non pasou a formar parte dos cultivos relativamente habituais ata a súa re-entrada a través do porto de Tapia de Casariego (Asturias), no ano 1604.

Existe algunha referencia illada ao seu cultivo nas terras de Mondoñedo arredor de 1608, pero non imos atopar unha serie continuada de datos que confirmen a súa implantación definitiva ata o ano 1634. A partir dese ano sabemos que o mosteiro de Sobrado dos Monxes cobraba rendas neste cereal. Concretamente «del coto de Corrubedo (?) por lo que ha crecido con la siembra del maiz». A partir de aí atopamos referencias ao millo en Caión (1638), Baldaio (1644), Ribadeo (1678), etcétera. Pero é Corrubedo o primeiro lugar da provincia da Coruña e da Galicia occidental no que se documenta o cultivo do millo como unha práctica xa asentada que, nos anos seguintes, comezaría a estenderse pola franxa costeira, pasando a ser parte fundamental da alimentación nos séculos seguintes.

Máis curioso aínda é o caso doutro produto, menos habitual na nosa dieta contemporánea, pero que aparece documentado por primeira vez en España (cando menos polo de agora) no Barbanza. Trátase da lima, un cítrico introducido na península Ibérica na baixa idade media xunto con laranxas e limóns, segundo algúns da man dos musulmáns, mentres outros estudosos relacionan a súa chegada co regreso de cabaleiros que volvían de loitar en Terra Santa.

Referencia ás limas

En calquera caso, non existe ningunha referencia coñecida ao cultivo de limas ata que, no ano 1457, no libro de notas de Álvaro Pérez, notario de Rianxo, atopamos a seguinte entrada o día 6 de decembro: «en Trevonzos, na dita freguesía (de Cespón), Alberte de Vilela xurou nas mans do abade (...) que levara da granxa de Saar certas pedras de gran (...) e ademáis diso de calqueera froita da horta: limas, laranxas e todo tipo de froitas».

O interesante da referencia non é só que se documente por primeira vez o cultivo deste cítrico. O fundamental é que nos atopamos ante a primeira vez que se documenta o emprego do vocábulo «lima» nunha lingua peninsular -neste caso en galego-; en castelán non se ten localizado referencia ningunha ata 1490, e en portugués ata o século seguinte. Para a historia alimentaria do Barbanza queda, xa que logo, non só o mérito de ser o primeiro lugar da península Ibérica (polo de agora) no que se coñece o cultivo da lima, senón tamén o de ser o primeiro lugar no que se emprega ese vocábulo nunha lingua peninsular.

Corrubedo foi o primeiro punto onde se asentou o cultivo de millo FOTo MARCOS CREO

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Barbanza xogou un papel fundamental na alimentación peninsular