«É tempo de que a nosa xeración vaia asumindo responsabilidades»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

Prego quere dar á entidade un aire novo sen fuxir do feito ata agora

17 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pese a que foi elixido presidente da Sociedade Liceo de Noia hai apenas un par de semanas, Óscar Prego sente xa o peso da responsabilidade de pilotar unha nave da que forman parte preto de tres mil socios de Noia e arredores. Tivo como mestres ás persoas que levaron as rendas da entidade durante un cuarto de século, así que confía na capacidade do seu equipo e na súa propia para seguir adiante coa actividade dunha das asociacións máis representativas da bisbarra.

-¿Que pensou cando foi elixido?

-Naquel momento non fun moi consciente, pero ao día seguinte fun ao Liceo e ao entrar xa vin as cousas doutra maneira: era o peso da responsabilidade, o saber que o que pase aquí nos próximos catro anos vai ser responsabilidade miña. Superar o que fixo a anterior directiva é difícil, o que non quere dicir que non o vaiamos intentar e fagamos cousas novas. Para min é un orgullo ter unha entidade con tantos anos de historia, con unha masa social tan grande e tan recoñecida dentro e fóra de Noia.

-¿Supón un reto maior o feito de suceder a un equipo que levaba tantos anos?

-Impón máis porque durante 25 anos esa xente estivo traballando porque contou coa confianza dos socios en cada reelección. Claro que impón ocupar o seu lugar, pero non sinto medo, é unha ilusión, un reto. E creo que é de xustiza recoñecer o labor feito pola anterior directiva: foron 25 anos dedicados en corpo e alma a levantar unha sociedade que naquel momento estaba moi mal.

-¿Como vai o traspaso de poderes?

-Estamos nun momento de transición, de toma de contacto. Basicamente estamos recollendo moita información sobre a xestión da entidade. É que unha cousa é formar parte da directiva e outra moi distinta asumir a responsabilidade de coordinalo todo.

-Con preto de tres mil socios, o Liceo de Noia non semella unha nave fácil de gobernar.

-Fácil non é, evidentemente, require o seu esforzo, pero con traballo e dedicación pódese facer. E, sobre todo, non é o traballo dunha soa persoa, sería practicamente imposible que unha persoa tratara de levar todo. É necesario contar cun grupo de xente que se implique, ten que haber un traballo en equipo.

-¿Quen forma parte da súa directiva?

-Somos cinco compañeiros que xa estivemos na directiva nos últimos catro anos. Daquela dixérannos se queríamos estar no equipo directivo para ir coñecendo o seu funcionamento de cara a asumir logo as rendas da entidade, sempre e cando os socios nos deran o seu apoio, como así foi. Incorporamos tamén a tres persoas que antes non estaban.

-Antes de embarcarse neste proxecto, ¿pensara en optar á presidencia do Liceo de Noia?

-Non, para nada. Claro que facía comentarios sobre cousas que igual se podían facer doutra forma, ou facía propostas nas asembleas, pero nunca se me pasara pola cabeza. Tamén penso que é tempo de que a nosa xeración vaia asumindo a responsabilidade que outros tiveron antes.

-Fala do bo traballo que fixo a anterior directiva, ¿queda marxe de mellora?

-Sempre o hai. Gustaríanos atraer máis á mocidade, pero de momento non podemos dicir proxectos concretos porque aínda estamos acabando de asumir as rendas da xestión da entidade. Claro que hai ideas e propostas, no Liceo hai cabida para actividades para xente de todas as idades; ten que ser un espazo de encontro para distintas xeracións. Coa nosa masa social, a entidade ten un potencial humano enorme para a produción propia de iniciativas culturais, como poden ser as agrupacións musicais, por exemplo. Pero podería ampliarse a outras ramas da cultura, e tamén me gustaría potenciar o eido audiovisual. Tamén consideramos importante actualizar un espazo en Internet, hai moitos socios que están fóra e lles gustaría saber que é o que se está facendo aquí.

-Para todo iso fai falla un apoio económico, ¿nota a crise o Liceo?

-Claro, coma todos. O Liceo de Noia mantense practicamente coa cota mensual dos socios, pero, sobre todo á hora de organizar actos ou contactar con grupos para as actuacións, hai que axustar moito máis o presuposto. Está chovendo para todos, por iso é difícil aventurarse a falar de grandes proxectos, hai que axustar os gastos. Pero os socios poden estar tranquilos porque a sociedade está saneada economicamente, non ten ningún problema.

-¿Vese de presidente dentro de vinte anos?

-Pois non o sei. Cando colles isto non o fas coa idea de eternizarte no cargo, non sabes como serán as cousas. De momento son catro anos, e nese tempo pódense facer moitas cousas, logo xa veremos. Eu levo desde os doce anos aí dentro, fun medrando co Liceo, e para min coller as rendas da sociedade é un acto de responsabilidade, alguén tiña que coller o temón da nave. É un sentimento de responsabilidade cos que estiveron antes e cos que veñen detrás, e, evidentemente, pensamos que seremos quen de levalo adiante.